O PP pide un plan de impulso dende a Deputación de Lugo para potenciar os recursos propios da Ribeira Sacra

RibeiraSacraXa
Unha importante parte dos concellos da provincia de Lugo forma parte da Ribeira Sacra, un territorio con características propias e ben marcadas a nivel cultural, social, patrimonial -histórico e artístico- ou natural e estreitamente relacionado coa produción vitivinícola amparada pola Denominación de Orixe que leva o seu nome (DOP Ribeira Sacra).
pp_panton
11 May 2024

Unha importante parte dos concellos da provincia de Lugo forma parte da Ribeira Sacra, un territorio con características propias e ben marcadas a nivel cultural, social, patrimonial -histórico e artístico- ou natural e estreitamente relacionado coa produción vitivinícola amparada pola Denominación de Orixe que leva o seu nome (DOP Ribeira Sacra). Todas estas características fan da Ribeira Sacra un territorio cun destacado potencial turístico. Ademais, recentemente o Consello do Patrimonio Histórico Español acordou por unanimidade que a candidatura Paisaxe da auga: Ribeira Sacra sexa a proposta conxunta de España para a súa presentación ante a Unesco e optar así a ser recoñecida como Patrimonio Mundial.

O Partido Popular cre nas posibilidades da Ribeira Sacra e aposta por potenciar os seus recursos de forma conxunta e coordinada dende as administracións públicas. Nese sentido, os deputados do Grupo Provincial Popular defenden a elaboración e posta en marcha dun plan de impulso dende a Deputación de Lugo para potenciar os recursos propios da Ribeira Sacra e contribuíndo a dar solución aos retos actuais do sector turístico e vitivinícola en colaboración con outras administracións e que recolla apoios dende o punto de vista institucional, administrativo, económico e das infraestruturas públicas.

Os deputados populares analizaron durante unha visita a Pantón a falta de rendibilidade dos pequenos produtores vitivinícolas debido aos custes de explotación, que ademais teñen que facer fronte a outras dificultades coma a xestión dos excedentes. A diversificación da actividade das adegas pode constituír unha boa solución e, neste caso, o enoturismo pode permitir xestionar e potenciar a riqueza do territorio; xa que a gastronomía e o viño son un elementos importantes á hora de explorar un destino turístico.

Dende o PP cren que “a Deputación Provincial ten un papel fundamental para poder afrontar estes retos, apoiando aos municipios da Ribeira Sacra, escoitando e dando solucións aos produtores e buscando apoios de todas as administracións afectadas como a Xunta de Galicia, o Goberno Central ou a Confederación Hidrográfica”. O portavoz, Antonio Ameijide, cre que “a Deputación non pode quedar unha vez máis sendo a única administración que non fai nada ao respecto dun proxecto vital como este para a provincia”.

Ameijide subliña que “dende a Deputación temos a obriga de ser o motor tractor que tire da provincia, que impulse os nosos territorios e que poña en valor e enxalce as súas bondades. Cando gobernamos esta institución traballabamos así e dende o Grupo Provincial imos a traballar arreo para que isto volva ser así”. Os populares advirten tamén da necesidade de regularizar a situación de bodegas e instalacións. Neste sentido, “as administracións poden colaborar na axilización dos trámites administrativos e no recoñecemento da identidade propia da Ribeira Sacra nas normativas afectadas”.

Tamén acudiu a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Agricultura, Gandaría e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e polo alcalde de Pantón, José Luis Álvarez. Nesta visita, a conselleira puxo en valor este tipo de mostras como escaparate da calidade da despensa galega e máis concretamente dos viños desta denominación de orixe. Gómez reafirmou, ademais, o decidido apoio da Xunta a este tipo de certames e, en xeral, a todo o que ten que ver co fomento e promoción das producións alimentarias galegas de calidade diferenciada.

0.1792140007019