O PP pide rematar canto antes a residencia da Pobra do Brollón

O PP pide á Deputación que se remate antes a residencia da Pobra do Brollón e lembran que “cando o goberno provincial anunciou o comezo dos traballos, en marzo de 2024, dixo que o prazo de obra sería de 12 meses, tempo que concluíu en abril deste ano e vemos como aínda restan moitos meses de construción”.
Así o sinalou esta mañá o voceiro popular, Antonio Ameijide, durante unha visita ás obras na que estivo acompañado polo voceiro do PP na Pobra do Brollón, Teddy López.
Os populares denuncian “o lento avance dos traballos” e esixen “axilidade” para rematar a construción desta residencia “para poder dar este servizo fundamental comprometido con todos os veciños”.
Ademais, Ameijide insta a que cando se remate construción “se poña en servizo en igualdade de condicións” co resto de residencias da rede provincial, e piden que non se aplique o criterio da residencia de Becerreá de “cobrar un 60% máis que no resto de residencias da rede”.
Por este motivo, dende o Grupo Provincial Popular preguntan a PSOE e BNG “se van a permitir que esta residencia abra as súas portas cun prezo máis elevado que o resto de residencias da rede provincial”.
Ameijide lembra que para comezar as obras desta residencia “tiveron que saír ata cinco licitacións”, e considera que o proxecto leva sido un “fracaso” dende o principio.
O convenio para a construción da residencia da Pobra do Brollón foi asinado en xuño do 2018 e sacado a licitación en febreiro do 2019, que contemplaba un investimento de 1,4 millóns de euros. Porén, din os populares, “o primeiro contrato foi resolto e coa segunda licitación tardouse case un ano en formalizar o contrato para logo ser suspendido e, posteriormente, tamén resolto”.
Na terceira licitación, o concurso quedou deserto e lembran que dende o PP xa se advertira que era precisa unha revisión de prezos, atendendo á suba dos custes da luz, do combustible ou dos materiais da construción. Por último, lembran, a cuarta licitación foi aprobada en abril de 2023 e adxudicada en setembro por 2,2 millóns de euros.
“Todos estes atrasos”, din, “supuxeron que o custo desta infraestrutura aumentara 800.000 euros” pero o peor, puntualiza Ameijide, “son os anos de espera para estes veciños”.