O PP pide á Deputación de Lugo un plan de arranxo de 90 estradas do sur da provinca

RibeiraSacraXa
Insiten en que a medida “tamén é unha forma de apostar polo turismo e por apoiar a candidatura da Ribeira Sacra na súa carreira por ser declarada Patrimonio Mundial da Humanidade”
PP-estradas-sur-lugo
Deputados populares comprobándomelo o estado das estradas provinciais do sur de Lugo
18 Nov 2024

O Partido Popular denuncia que “o nefasto estado de conservación das estradas provinciais segue a xerar numerosas queixas entre os veciños de toda a provincia, sendo o último exemplo a queixa xeralizada que se está a dar nos municipios da zona sur de Lugo”.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explica que na moción que se defenderá no pleno da vindeira semana se pedirá o arranxo de máis de 90 estradas en 15 concellos do sur da provincia, algo para o que se pedirá o deseño dun plan de actuación obxectivo e igualitario para desenvolver actuacións de reparación, mellora e mantemento das vías para garantir a súa seguridade atendendo a criterios de perigosidade, grao de alcance dos desperfectos e volume do tráfico.

Unha actuación que debe de ir da man da dotación de maior orzamento para as partidas orzamentarias dirixidas á reparación, conservación e mantemento das vías provinciais.

Antonio Ameijide recorda que desde o PP levan moitos anos denunciando “a inacción do goberno provincial de PSOE e BNG no mantemento das estradas provinciais o que converte a rede viaria da Deputación de Lugo en estradas moi perigosas e, en moitos puntos, directamente intransitables”.

As deficiencias no firme das estradas provinciais van dende os blandóns, firme socavado, desgaste do pavimento, buratos de distintos tamaños e profundidades situados nalgúns casos en zonas de curva ou cambios de rasante ata a ausencia total de pavimento na calzada, entre outras, o que provoca distintos danos nos vehículos e, incluso, provocar accidentes de tráfico.

Esta situación, explican, provoca problemas nas comunicación dos lucenses, lastrando o desenvolvemento do territorio e, incluso, sendo un risco para os seus usuarios: “cómpre que a Deputación de Lugo se tome en serio o mantemento e a reparación das estradas que empregan a diario os veciños e veciñas da provincia para ofrecer unha vías en condicións de seguridade”.

Ameijide insiste en que manter as estradas provinciais en bo estado de mantemento no só é necesario para garantir a seguridade e as comunicacións, “tamén é unha forma de apostar polo turismo e por apoiar a candidatura da Ribeira Sacra na súa carreira por ser declarada Patrimonio Mundial da Humanidade”.

Un mal estado da rede viaria provincial que xa chegou aos plenos de varios concellos da zona sur da provincia “que apoiaron de forma unánime esta reivindicación: mellorar as comunicacións e garantir a seguridade dos usuarios”. “Ata o propio vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, votou a favor no Concello de Sarria, no que é concelleiro, de que a Deputación arranxe as estradas da súa titularidade nese municipio dado o seu nefasto estado de conservación”, sinalou, ao que engade que “isto certifica a neglixente xestión de PSOE e BNG na conservación e mantemento da rede viaria provincial”.

0.15738677978516