O PP de Monforte urxe iniciar as obras para evitar vertidos ao río Cabe

O PP de Monforte denuncia un novo vertido no río Cabe á altura do parque dos Condes polo que a CHMS tería iniciado un expediente sancionador contra o Concello de Monforte por vertidos de augas residuais, procedentes da rede de saneamento municipal nesta área e que quedou recollido na Acta da Xunta de Goberno Local do 11 de Agosto de 2025.
Denuncian que “non é a primeira vez que se detectan este tipo de infraccións por parte do Concello de Monforte” e piden acceso ao expediente completo. Denuncian “falta de compromiso medioambiental” por parte do Concello e urxen unha solución.
Os populares critican que o Concello anunciou hai meses unha inversión de 1.700.000 euros para poñer fin a esta situación, pero finalmente “renunciou á obra por ser de difícil execución e por ter un custo maior ao agardado”. Por iso, esixen ao Concello “que retire o cartel que anuncia os traballos que finalmente non se realizarán porque son un engano a todos os monfortinos”.
Advirten que o dano causado por estes vertidos “están a producir un dano que podería non ter solución” e piden ao alcalde que “realice os traballos necesarios para que a rede de saneamento municipal deixe de verter augas residuais ao río Cabe”.