O PP de Monforte responsabiliza ao Goberno Central da subida na taxa do lixo

RibeiraSacraXa
Sinalan que é “o propio Goberno do Estado o que insiste na política de que quen contamina, paga”
Katy-Varela-Monforte-de-Lemos
Katy Varela
19 Feb 2025

Dende o Grupo Municipal do PP de Monforte replican a José Tomé que “a suba do canon do lixo de Sogama non é culpa de Sogama, senón que se debe a tasazo imposto polo Goberno de Pedro Sánchez”.

A voceira popular en Monforte, Katy Varela, sinala que o equipo de goberno de Monforte “sabe perfectamente” que a suba da taxa do lixo non deriva dunha “mala xestión de Sogama”, senón que, para eles, foi o Goberno do Estado, a través da lei 7/2022, de 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular, o que impuxo unha suba de impostos ao vertido e á incineración que moitos países europeos non están a aplicar. “A Xunta opúxose a estes tributos e mesmo presentou alegacións, aínda que sen éxito. O goberno local de Monforte equivócase de culpable. O único responsable é Pedro Sánchez a través do seu tasazo”.

Neste senso, Katy Varela asegura que “como xa levamos moitos meses advertindo desta situación, incluso presentando mocións no pleno, como en setembro de 2024, para reclamar ao Goberno central que non se aplicase esta suba impositiva e que así Sogama non tivese que repercutila”. A realidade é que Tomé dixo non a reclamar ao Goberno do Estado que dera marcha atrás con este taxazo”.

De feito, din, segundo o propio Goberno do Estado insisten na política de que “quen contamina, paga” e recordan que as administracións locais deben asumir integramente o custe real do servizo e activar os mecanismos necesarios para producir menos lixo e reciclar máis.

Neste senso, explican que o Concello de Monforte entregou a Sogama en 2024 un total de 6.446 toneladas de bolsa negra (fracción resto), cantidade pola que a empresa lle facturou 507.478 euros. Non obstante, o ente local percibiu 81.831 euros a través do FCL adicional activado pola Xunta de Galicia para contrarrestar o impacto económico das medidas aplicadas polo Estado (impostos ao vertido e á incineración, eliminación da retribución ao investimento da planta termoeléctrica de Sogama, comprometida ata 2026; redución da retribución á explotación da planta de coxeración; e recuperación do imposto eléctrico do 7%).

Sinalan que este ano 2025, e tomando como referencia o canon reducido de 95 euros, estímase un desembolso, por parte de Monforte, de 612.370 euros, cifra á que habería que restarlle a contía do FCL (81.831 euros), quedando nun total de 530.539 euros, isto é, 23.061 euros máis que en 2024. “Agora ben, se o ente local incrementa a aportación á reciclaxe, a bolsa negra pesaría menos e o importe da factura a pagar a Sogama sería inferior”, di a voceira.

Ademais, segundo Katy Varela, o Concello de Monforte ten a súa disposición outras alternativas para a reciclaxe diferentes a Sogama.

0.10555291175842