O PP de Monforte levará ao pleno unha moción para pedir a creación dunha praia fluvial na cidade

O Grupo Municipal do PP de Monforte levará ao vindeiro pleno unha moción para reclamar a creación dunha zona de baño pública na cidade de cara a este verán.
A voceira popular, Katy Varela, lembra que Monforte sufriu un verán especialmente caloroso, con numerosos días nos que se superaron os 35 graos, e considera que “os monfortinos que queren refrescarse vense obrigados a desprazarse a outros concellos ou a pagar instalacións privadas, como as do club fluvial”.
A voceira popular sinala que a construción deste espazo foi unha das promesas electorais do actual goberno. “Falouse dun gran complexo de lecer con restaurante, aparcadoiro e outras instalacións, un proxecto valorado en arredor de 5 millóns de euros do que a día de hoxe non sabemos nada”, explicou. Porén, considera que non é necesario acometer un “mega proxecto urbanístico” dese custo, senón que apunta que “sería moito máis necesario investir eses cartos no saneamento e logo poder realizar o acondicionamento dunha zona do río para o baño”.
Desde o Grupo Municipal Popular insisten na necesidade de ofrecer unha alternativa gratuíta de baño na cidade. “Con esta iniciativa queremos lembrarlle ao alcalde a importancia de pensar nas necesidades reais dos veciños e, sobre todo, de ir cumprindo as súas promesas electorais”, concluíu Katy Varela.