O PP de Lugo pide responsabilidades ante o illamento da veciñanza de Santo Estevo do Sil

Os deputados do PP lucense, Francisco Conde Jaime De Olano e Cristina Abades, trasladan a súa “indignación” ante a resposta do Goberno de Sánchez ás súas preguntas sobre a situación de illamento dos veciños e veciñas do núcleo de Santo Estevo do Sil, en Pantón, debido ao peche da liña Ourense-Monforte a ambas marxes da vía do tren. “Non se pode admitir que digan que coa actuación non se varían os accesos ás vivendas e viñas existentes na marxe esquerda”, subliña o deputado Francisco Conde.
O Goberno de Sánchez limítase a dar explicacións técnicas do proxecto para o tratamento de andéns e cruzamentos nas estacións do tramo Ourense – Monforte e asegura que con anterioridade ás obras de renovación da liña non existía ningún paso a nivel, senón un cruce entre andéns para os viaxeiros.
“Esta resposta evidencia que o Goberno de Sánchez non ten interese ningún en atender as necesidades dos veciños e veciñas de Pantón, unha postura que adopta en relación a todos os lucenses en xeral”, manifesta Conde. “Ademais da falta de sensibilidade coa situación dos veciños de Santo Estevo do Sil, o Goberno demostra un total desinterese pola seguridade da vía: tampouco responde sobre as medidas a adoptar para garantir a seguridade dos usuarios da liña ferroviaria; xa que o peche metálico bloquea a única saída en caso de incendio ou inundación por estar este núcleo nunha zona inundable”.
Os deputados populares por Lugo, en nome de todo o PP da provincia, interesáronse por coñecer de primeira man a situación dos veciños deste núcleo atendendo á chamada do alcalde de Pantón e esixiron dende o Congreso que o Goberno de Sánchez aclarase as medidas previstas por ADIF para facilitar un acceso peonil aos veciños de San Estevo do Sil, en Pantón, que previamente dispoñían dun paso autorizado e sinalizado para cruzar as vías na estación e que, tras as obras, quedaron sen ningunha outra alternativa.
O popular lembra que “a única alternativa para poder chegar a esas vivendas é dar un gran rodeo por un camiño privado cunha escarpada pendente, na ladeira da montaña, e despois usar unhas escaleiras, o que se converte en inviable para persoas maiores e con mobilidade reducida”.
Os populares condenan novamente este “trato discriminatorio”, toda vez que as obras nesta liña ferroviaria incluíron actuacións en plataformas, pasos inferiores e outras estruturas en estacións e apeadoiros. Por exemplo, na estación de Canabal, en Sober, habilitouse un paso peonil inferior como alternativa ao paso sobre a vía que existía con anterioridade.
Conde avanza que “seguiremos insistindo con novas iniciativas parlamentarias para conseguir que ADIF rectifique e non discrimine aos veciños de Santo Estevo do Sil que merecen o máximo respecto e consideración”.