O Pleno de Monforte aprobou a proposta en relación ao escrito dos pais do Colexio A Gándara
O pleno de Monforte celebrado o 31 de xaneiro tratou unha proposta de alcaldía en relación co escrito de pais e nais do colexio CEIP A Gándara sobre a aula de quinto de educación infantil.
Os pais do alumnado do colexio público da Gándara solicitaron por escrito un novo profesor para a aula de quinto curso de infantil debido ao incremento de nenos dende o curso pasado no 2020-2021 ao actual 2021-2022 que pasou de 17 a 24 nenos. Algúns, con necesidades especiais.
Malia que a proporción de alumnos está cuberto, segundo a normativa, as necesidades dun aula dependen das necesidades de cada neno e manifestan que para que a educación dos rapaces sexa de calidade é preciso incorporar un profesor máis na aula.
Emilio do grupo Mixto afirma que o seu voto ante esta petición será favorable xa que cree axeitado apoiar a este acordo que ten como fin mellorar o sistema educativo do colexio público. “Unha educación de calidade axuda a fixar a poboación no noso entorno”.
Sobre esta cuestión, Esperta Monforte quere mostrar o apoio ao escrito como a solicitude presentada “tendo moi claro que a competencia desta actuación correspóndelle á Xunta de Galicia e este concello pouco máis pode facer que mostrar o seu apoio e dirixir a solicitude a Consellería de Educación”.
A situación actual exposta polos pais deriva da tendencia a escolarizar en maior porcentaxe que no resto de centros educativos da cidade, alumnos con necesidades educativas especiais. Dende Esperta Monforte afirman “si ben é certo que durante un tempo este centro foi dotado con persoal para atender a todas estas necesidades chegou un momento no que a administración pechou a billa de forma que as necesidades foron aumentando mentres que o persoal especializado foi diminuíndo”.
Kathy Varela do grupo popular indicou que no seu parecer, a moción chega tarde, punto rebatido posteriormente polo alcalde, xa que o escrito foi presentado o 26 de novembro e, afirma que “actualmente a situación xa está en mans da Xefatura territorial de Educación e dos inspectores de educación”. Aproveitou a súa intervención para falar da situación actual do colexio da Gándara recordando que o escrito solicita un profesor de educación infantil o que implicaría o desdobramento da aula, polo que dende o grupo popular trasladáronlles aos pais que quizais o máis adecuado fose solicitar maior profesorado de apoio de atencións especiais, e, por iso, abstivéronse na votación.
Por último, interviu Torres “o sistema educativo ten que ser inclusivo e de calidade, garantindo a educación de cada alumno e cada alumna. Dende fai 12 anos o goberno de Feijoo vai na dirección contraria e nos momentos nos que fan falta máis esforzos o que obtemos por parte da Xunta son recortes do profesorado improcedentes”. Ademais, afirmou que o alcalde e o equipo do goberno estarán do lado dos pais e nais que demandan unha mellora de atención educativa para os seus fillos.
No pleno, Esperta Monforte tamén quixo reivindicar que “do mesmo xeito que se solicita maior atención nos centros educativos se solicite o mesmo nos campamentos de verán que oferta o Concello que son competencia do goberno local”.
Antes da votación, o alcalde, correxiu ao PP xa que o 26 de novembro é a data coa que se firma o escrito. Porén, este non se fixo público ata decembro. Ese foi o momento no que o goberno local comezou as súas pesquisas para coñecer a situación actual do escrito.
Finalmente esta proposta obtivo 12 votos a favor e 3 abstencións do grupo popular quedando aprobada.