O Pleno da Deputación aproba un orzamento de 100 millóns de euros

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Deputación dedica 34M€, máis dun terzo dos orzamentos, a Políticas Sociais, 10M€ para manter a rede de centros de maiores.
Pazo San Marcos Lugo
30 Nov 2021

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes o Orzamento da institución provincial para o vindeiro ano 2022, que supera os 100M€. A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Mayra García Bermúdez, subliñou na sesión plenaria que os presupostos “están feitos dende o rigor, por un Goberno sólido que ten un proxecto moi claro para a provincia, e que están pensados para seguir mellorando e ampliando os servizos públicos, sobre todo no rural, e continuar apoiando a recuperación económica da provincia, en colaboración cos concellos e co tecido social e económico”. “Para elo”, explicou, “reforzamos as catro grandes liñas de actuación prioritarias que temos marcadas dende o inicio do mandato: políticas sociais, cooperación cos concellos, apoio aos sectores produtivos e mellora da mobilidade”.

A Deputada lembrou que estes Orzamentos son os máis altos da última década, e cualificounos como “claramente investidores e sociais”, porque os capítulos que máis suben son os de investimentos reais, transferencias de capital e gastos en bens e servizos, ademais das partidas vinculadas ás políticas sociais.

No seu conxunto, o presuposto sube en máis de 7,7M€, o que supón un incremento superior ao 8% con respecto aos deste ano 2021, sobre todo debido ao aumento das achegas do Estado, que medran en 6M€.

Así mesmo, a Deputada de Economía destacou que os Orzamentos sometéronse a debate e aprobación “en tempo e forma para que poidan entrar en vigor a principios do mes de xaneiro, unha prioridade que nos marcamos como Goberno porque só así son realmente útiles e eficaces para a provincia”.

Políticas Sociais

A Deputación de Lugo dedica máis dun terzo do total do Orzamento a Políticas Sociais, “que son xa un sinal de identidade desta institución”, explicou Mayra García. Son 34M€ -aumentando máis dun 12% respecto ao ano pasado-, destinados a servizos sociais e benestar, igualdade, cultura, deportes, mocidade, memoria histórica, emprego ou educación.

O maior incremento prodúcese no caso dos Centros de Atención a Maiores, cun 20% máis de orzamento que neste ano 2021, ata acadar preto de 10M€, porque “continuamos despregando a rede provincial de residencias públicas”, explicou a Deputada.

“Das tres residencias que había ao principio do mandato, situadas en Trabada, Ribadeo e Pol, pasamos ás 7 coas que contamos a día de hoxe, porque neste dous anos abrimos os centros da Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro e Meira”, cos que a Deputación mantén 200 postos de traballo, lembrou García Bermúdez, engadindo que a previsión do Goberno provincial para o ano 2022 é poñer en marcha as residencias de Navia de Suarna e Ribas de Sil, ademais de continuar traballando noutros proxectos que están marcha, como os da Pontenova, Portomarín, Guitiriz, Becerreá, A Pobra do Brollón, Ourol, Folgoso do Courel ou Ferreira de Pantón, entre outros.

A Deputada de Economía lembrou que a Xunta de Galicia continúa sen aportar recursos económicos, nin para a construción, nin para o funcionamento das residencias provinciais, “incumprindo deste xeito coa súa obriga en materia social, segundo establece o Estatuto de Autonomía e a Lei de Servizos Sociais  de Galicia”. Sinalou que o Goberno galego está a recibir miles de millóns de euros extraordinarios, tanto do Estado, como de Europa, polo que “sería moi positivo que eses recursos reverteran, ou ben nunha colaboración coa Deputación de Lugo para manter e seguir despregando a rede provincial de atención a maiores, ou ben que directamente asumira o funcionamento dos centros e o noso modelo, agora que está buscando un novo sistema tras admitir que o seu é nefasto para as persoas”.

Xunto aos centros de maiores, no Orzamento do ano 2022 contan con dotación de recursos o servizo de Teleasistencia Domiciliaria e o Servizo de Axuda no Fogar, con 2M€, neste caso a través do Plan Único.

Tamén no eido das Políticas Sociais, a Deputada de Economía destacou que o vindeiro ano mobilizaranse 9,4M€ para emprego, un 5% máis ca este ano.

Cooperación cos concellos

“Nestes dous anos que levamos gobernando reforzamos o papel da Deputación como unha administración fundamental para achegar servizos ós veciños a través da cooperación cos concellos”, asegurou a Deputada. O principal instrumento de cooperación da institución provincial, o Plan Único, está dotado con 11M€ no Orzamento, que se elevarán ata os 21,5M€ coa incorporación de remanentes, como se fixo ata agora.

A Deputada reiterou neste punto “a necesidade de que a Xunta de Galicia tamén implante un sistema de reparto xusto dos fondos públicos para avanzar no equilibrio territorial e na calidade democrática”.

Ademais, co fin de reforzar a cooperación cos concellos, Mayra García Bermúdez reclamou que a Administración autonómica “transfira ás deputacións unha parte dos recursos extraordinarios que recibe para combater a pandemia para que cheguen realmente aos concellos, á sociedade e á economía”. A Deputada confirmou tamén que a institución provincial seguirá concorrendo de maneira directa ós fondos europeos para impulsar a recuperación social e económica, en colaboración coas entidades locais.

Apoio aos sectores produtivos

A titular da área de Economía, Recadación e Facenda subliñou que o apoio aos sectores produtivos estratéxicos da provincia de Lugo e a aqueles que máis sufriron e sofren o impacto da pandemia é outro dos piares dos Orzamentos do 2022. Desta forma, a Deputación continuará co Plan de Impulso da Economía da Provincia, “destinado a favorecer a recuperación sostible do tecido produtivo fronte ó impacto da crise da Covid con medidas de apoio, promoción e incentivo do consumo”, afirmou.

A Deputada destacou a subida dun 23%, ata os 3M€, das partidas destinadas a accións e proxectos de apoio ao sector primario, entre elas, a Granxa Gayoso Castro, que contará cun orzamento superior ós 1,7M€, un 12% máis ca este ano.

En canto aos fondos para turismo, suman 3M€ para continuar potenciando “outra das actividades estratéxicas da nosa provincia”. Mayra García destacou o servizo de rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra, ademais do apoio económico que dará a Deputación de Lugo á Mancomunidade de Municipios da Mariña e ao Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra para levar a cabo os Plans de Turismo Sostible que lles concedeu a ambas entidades o Ministerio de Turismo.

Tamén incidiu nas partidas vinculadas coa conservación do medio ambiente e o desenvolvemento sostible, que superan os 4M€, un 20% máis ca neste ano 2021.

Como proxecto destacado en relación co turismo e co medio ambiente, a Deputada aludiu ao Parque Central de Galicia, un gran espazo público que está creando a Deputación para poñer en valor o centro xeográfico galego, en Nugallás, en Antas de Ulla, e que será unha realidade o vindeiro ano.

Mellora da mobilidade

O Goberno provincial demostra no presuposto que a mellora da mobilidade é unha prioridade. Suben un 7% o investimento en estradas, ata chegar aos 17,3M€, destinados a tarefas de mellora, desbroce, conservación e mantemento da rede viaria provincial, a máis extensa de todo o Estado e tres veces maior ca da Xunta en Lugo.

“A mellora da mobilidade é prioritaria para este Goberno provincial porque favorece o equilibrio territorial e resulta un factor importante para fixar poboación no rural, xunto coa dotación de servizos públicos básicos e a creación de emprego”, explicou a Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas.

PARTIDO POPULAR

O PP di que “nin polas formas nin polo fondo” pode apoiar o orzamento da Deputación para o 2022 e afea ao goberno provincial a súa incapacidade para dar participación á oposición. O portavoz popular, Javier Castiñeira, destaca que “estes orzamentos non contemplan nin a realidade da provincia nin a realidade do país”.

Castiñeira avisa de que as contas que presenta o bigoberno provincial para o próximo ano son “fantasiosas, propias dun conto de Álvaro Cunqueiro, máis propio de Merlín e Familia que da administración dun territorio que está xogándose o seu futuro”.

Ademais, no PP entenden que “non toman en consideración unha das maiores amezas, que son altos prezos tanto da enerxía como dos materiais de construción; tampouco reflicten a tendencia alcista da inflación” e destacan que “haberá moita menos obra que no ano 2019; os peor parados serán os concellos, porque a cooperación vai ser moito menos que no ano 2019, debido a que o importe do Plan Único case é a mesmo pero os prezos son moito maiores”.

En canto ás previsións para estradas, no PP din que “dez millóns de euros, cinco en mantemento e cinco en investimento, non é nada cando temos 4.200 quilómetros; se facemos a proporción, o quilómetro sae a escasos 2.400 euros”.

Así mesmo os populares instan ao goberno provincial a “que se dedique a tratar de realzar o tecido produtivo da nosa provincia e a dar ferramentas de futuro aos concellos, como son os polígonos industriais, que reclaman Riotorto e outros trinta municipios”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17051100730896