O Oso de Salcedo non faltou á súa cita neste Entroido atípico
O Oso de Salcedo non faltou este ano á súa cita. Como cada luns de Entroido, ao redor das cinco da tarde, ataviado con peles de cordeiro e campás, percorreu as rúas da aldea de Salcedo, na Pobra do Brollón. Pero este ano, por mor da covid, non iba acompañado dos criados, nin había tampouco unha multitude á que perseguir para tinguir de cinza.
A asociación de veciños de Salcedo decidía, case desde comezos de ano, non convocar este ano ningunha actividade con público, por seguridade. Pero, o oso, o protagonista dunha das citas máis concorridas do Entroido na Ribeira Sacra, non podía faltar. "Baixou ao calado para ser responsable. Baixou para dicirlles ás veciñas e veciños que chega a primavera e, aínda que este ano non puidesen ofrecérselle, el vai cumplir o trato e traer as boas colleitas, entre outras cousas. O noso Oso entende que os tempos son os que son. E marcha contento coa esperanza de levar dobre ración o próximo ano", din desde a asociación.
As medidas e restricións adoptadas pola actual situación sanitaria impediron levar a cabo as tradicións do Entroido nos concellos do sur da provincia: a baixada o oso de Salcedo, o Entroido Ribeirao, cos seus volantes e peliqueiros, cos mecos e os oficios, as figuras dos xoves de comadres e compadres ou mesmo os habituais desfiles de disfraces e comparsas en cada concello da comarca. Todo mudou pero, con representación case en solitario como a do oso, ou con orixinais iniciativas veciñais desde as propias casas, o certo é que o espírito do Entroido conseguiu manterse moi vivo este ano na Ribeira Sacra.
Concellos como O Saviñao, Bóveda, A Pobra do Brollón e Taboada apostaron ademais por trasladar os concursos destas datas á rede, cunha excelente acollida entre os veciños e veciñas. Nos vindeiros días iranse dando a coñecer os gañadores dos certames deste Entroido atípico, coa esperanza de que o vindeiro ano todo volva a ser como era.