O Oso de Salcedo e o Entroido Ribeirao estarán presentes nunha nova edición do ViBoMask

Os Entroidos de Lugo serán uns dos grandes protagonistas do ViBoMask 2025, a décima edición do Festival Internacional de Mascaradas Ibéricas, que se celebrará do 16 ao 18 de maio en Viana do Bolo e Vilariño de Conso. Esta cita cultural, xa consolidada como unha das máis importantes da península, reunirá a preto de 50 grupos de España e Portugal, poñendo o foco nas tradicións de inverno e nas mascaradas populares.
Desde a provincia de Lugo chegarán ao festival representacións profundamente enraizadas na identidade rural galega, como o Entroido Ribeirao de Santiago de Arriba (Chantada) e a ancestral comparsa do Oso, criadas, mozos e danzantes de Salcedo (A Pobra do Brollón).
Por súa parte, a provincia de Ourense contará cunha extensa representación, cos Cigarróns de Verín, os Felos de Maceda, os Troteiros de Bande, os Vellarróns de Riós, o Toro e Xigante de Calavente (O Bolo), as Pantallas de Xinzo de Limia, os Peliqueiros, Parrafáns e Vaca do Entroido de Castrelo do Val, os Fulións e Boteiros de Vilariño do Conso, os Fulións e Mázcaras de Buxán, os Fulións e Mázcaras da Mourela (Manzaneda), as Mázcaras da Xironda (Cualedro), os Galos de San Pedro de A Mezquita, os Labardeiros e Señoritas de Mugares (Toén), as Madamitas e Madamitos de Entrimo, as Bonitas de Sande e Cartelle, o Entruido de A Veiga, os Felos e Madamas de Esgos, os Follateiros de Lobios, e os Vellarróns de Riós.
De A Coruña chegarán o Entroido de Samede (Paderne) e os Xenerais da Ulla, mentres que Pontevedra achegará figuras como o Merdeiro de Cangas.
O evento contará tamén cunha nutrida representación do resto de España, como os Sidros e Comedies de Valdesoto (Asturias), os Zamarrones de Los Carabeos (Cantabria), e un notable bloque de mascaradas tradicionais de Castela e León, con figuras como os Carochos de Riofrío de Aliste, a Obisparra de Pobladura, os Zangarrones de Sanzoles, os Visparros de Triufe, entre outros. Castela-A Mancha estará presente cos Diablos e Mascaritas de Luzón, e Estremadura co espectacular Jarramplas de Piornal.
Desde o País Vasco acudirá o Entroido de Zalduondo, e Portugal estará representado con grupos como os Caretos de Podence, Arcas, e Salsas (Bragança), os Farandoleiros de Castro Laboreiro (Viana do Castelo), e os famosos Caretos de Lazarim (Viseu), coñecidos polas súas máscaras talladas en madeira.