"O obxectivo das iniciativas da Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Courel é poñer en valor o Courel"
Falamos con Marcos Reinoso Domínguez, presidente da Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel.
Como e cando xorde a Asociación de Desenvolvemento Serra do Caurel?
Xorde no ano 1998 da man dun grupo de emprendedores dedicados á hostalería e consciente da necesidade de unión para crear un proxecto que, dende o desenvolvemento harmónico, leve a dar a coñecer a esencia da Serra do Courel a través dun turismo comprometido co territorio e, buscando así, fixar poboación.
Naquel primeiro ano póñense paneis en lugares estratéxicos de entrada ao Courel explicando as características naturais, paisaxísticas, etnográficas e culturais do territorio.
Poucos anos despois, ábrense as primeiras rutas de sendeirismo (Río Pequeno, Mostaz, Cido, alto da Pedra, Castro da Torre, Mina da Toca, Vilar/Froxán/Vilamor) grazas á asociación. Hoxe seguen sendo, xunto coa ruta da Devesa da Rogueira, as rutas máis coñecidas e recoñecidas do Courel.
Con que motivación ou con que obxectivo?
O obxectivo é dar a coñecer O Courel como destino único, á par que se busca, dende o primeiro momento, o compromiso das administracións para que O Courel sexa nomeado como Parque Natural.
Por que elixiron ese nome para a asociación?
Aínda que nun principio todos os socios e socias dedicábanse á hostalaría, xa dende os primeiros tempos a asociación tiña a intención de facerse transversal e loitar por esa harmonía entre natureza, vida e turismo; é dicir, buscar o desenvolvemento axeitado do noso territorio. De aí a elección do nome.
Cantas persoas forman parte da asociación?
Actualmente, somos case 70 socios e socias de distintas profesións. Naquel 1998, a asociación comezou con oito socios, todos hostaleiros cunha idea clara.
Esa idea vaise transmitindo a través de compromiso cun territorio, a través da organización de actividades, traballos,... A xente quere participar desa visión, dese compromiso e quérese sumar. O Courel necesita de todos eles, pero eles tamén necesitan dese Courel que nós buscamos.
En que ámbitos físicos e sociais actúan?
Como queira que somos unha asociación transversal, tentamos abranguer tódolos campos que cremos interesantes: traballamos soberanía alimentaria, cultura, ocio, recuperación da paisaxe...
Que beneficio ten que forma parte da asociación?
O beneficio directo que obtemos todos é a satisfacción do traballo feito, de ver que todos e todas empurramos na mesma dirección, independentemente da procedencia, profesión ou ideas políticas.
Ver que ese Courel que buscamos poderíase acadar con implicación de tódolos axentes porque, se nós, un grupo de apenas 70 e que aproveita o seu tempo de lecer para implicarse, somos quen de facelo, como melloraría o territorio se eses axentes empurrasen todos na mesma dirección!
Indirectamente, claro que tamén se obtén beneficio: as casas rurais, os guías de natureza ou os produtores e transformadores da asociación obteñen beneficio cando vén xente ás actividades que organizamos ou a pasear as rutas que abrimos. Pero tamén os carpinteiros ou os albaneis obteñen beneficio porque sempre hai a posibilidade de que esa xente que vén, queira ficar aquí e buscar unha vivenda que rehabilitar.
Como ves, hai perfís de tódolos tipos. Se de algo estamos orgullosos nesta asociación é de que somos totalmente transversais en ideoloxías ou traballos: albaneis, carpinteiros, hostaleiros, catedráticos universitarios, produtores, biólogos...
A maioría de nós vivimos en Courel (algúns nacidos xa no territorio e outros, coma min, chegados a el atraídos por ese Courel que mantén a esencia da Galicia que sempre foi). Pero si que é certo que hai algún socio ou socia que non vive nin naceu aquí, pero que ama tanto estas montañas e recoñece o traballo que por elas facemos que se ten sumado á asociación nos últimos anos.
Que actividades realizaron na súa posta en marcha hai 25 anos?
O primeiro que se fixo foron os paneis divulgativos nas entradas ao Courel e, ao pouco, a apertura das primeiras rutas de sendeirismo da serra, con paneis explicativos e todo luxo de información en mapas. Estas rutas foron mantidas pola asociación durante máis de 15 anos; actualmente, algunha delas pasou a estar homologada polo concello, polo cal é este o encargado do seu mantemento.
Ademais, daquela organizábase a Festa da Castaña cando se celebraba en Seoane; actualmente organízaa o Concello.
É moi salientable a organización dunha excursión hai 15 anos de tódolos veciños que tivesen algún tipo de responsabilidade na serra ao Parque Natural de Somiedo para que visen de primeira man o funcionamento do mesmo. Foi todo un éxito e serviu para que os veciños perdesen o medo a ese tipo de figuras. O mal obrar da administración truncou aqueles logros e tivemos que partir de cero de novo naquela petición.
Que actividades levan a cabo actualmente durante o ano?
Seguimos facendo o mantemento de tres das rutas abertas hai case 20 anos (as non homologadas). Ademais, organizamos o Bioblitz da Serra do Courel, co que tentamos poñer en valor o aspecto natural do noso territorio; organizamos a Festa da Cantarela, coa que queremos dar a coñecer un produto único que medra a finais de primavera nos nosos soutos, colaboramos en calquera actividade organizada pola USC ou por veciños que sexa coherente cos nosos obxectivos.
E, claro, organizamos O CourelSon, Jazz e Blues na Montaña: con este ciclo enchemos de novo de vida as airas dos pobos da serra, ao tempo que damos a coñecer mediante actividades paralelas a riqueza natural e paisaxística da mesma e promocionamos os produtos aquí elaborados.
Este ano, ademais, coincidindo co nos 25 aniversario, desenvolveremos múltiples actividades: rutas asociadas aos alimentos que saen desta terra, homenaxes aos voluntarios e voluntarias que traballan pola recuperación da mesma tras dos lumes de 2022, seminarios nos que poremos en contacto proxectos de éxito doutros territorios de montaña coas xentes de aquí que queren emprender, un obradoiro de todo o proceso da lá, dende que sae das ovellas ata que vai nun bolso ou nunha chaqueta, a recuperación artistica do palco da aldea de Vilamor, a inauguración dunha exposición dedicada aos Padernes...
Como xorde a iniciativa do CourelSon e cando?
No 2018, querendo darlle un novo pulo á asociación e ao verán courelao, ocorréusenos a idea de darlle vida ás airas dos pobos da serra con música en directo.
A inspiración eran Os Padernes, músicos que durante gran parte do século XX percorreron Courel, pero tamén zonas de fóra das nosas montañas levando a súa música e traendo as novidades podían capturar.
Necesitabamos un estilo que encaixase nas paisaxes, xa que estabamos seguros de que tiñamos os mellores escenarios naturais do mundo, e que tampouco atraese masas
inxentes de público nin fose estridente. Na Serra xa se fan moitas actividades dedicadas a música tradicional galega e ó que nos parecía que encaixaba perfectamente co que buscabamos era o Jazz e o Blues, estilos xurdidos tamén en zonas rurais ou, dalgún xeitos, oprimidas ou esquecidas.
Como é a aceptación da xente que vai ás actividades organizadas no CourelSon?
Levamos xa cinco anos ( o parón da Covid polo medio) e é sorprendente a resposta da xente de Courel. Aquelo que comezou case como unha tolería vaise convertendo nun acontecemento: tódolos pobos queren o seu concerto, tódolos pobos se visten de gala para que os músicos e asistentes desfruten do seu espazo; as xentes de Courel asistimos a eses concertos e mesturámonos cos turistas para escoitar unha harmónica, un contrabaixo ou un piano; para escoitar, en definitiva, música de calidade.
Sentímonos parte do mundo. Sentímonos importantes porque músicos que tocan ao longo do ano en Chicago, Berlín ou Madrid louvan a nosa paisaxe e os nosos pobos. Só por iso é un proxecto que nos enche: facer que as xentes do territorio sexamos conscientes do potencial que éste ten, vivir de primeira man o agradecemento de músicos que tocan nos mellores festivais do mundo polo feito de tocar na porta das nosas casas, coas nosas paisaxes tradicionais ás costas... Iso crea país.
Este ano fan 25 anos como asociación, como se senten?
Satisfeitos co traballo, satisfeitos co recoñecemento ao mesmo que tivemos dende a área de Medio Rural da Deputación, que apoia as actividades que imos desenvolver este ano.
Pero tamén algo desencantados de que outras administracións non valoren ese traballo e incluso non o apoien nalgunhas ocasións.
Cren que están contribuíndo dalgunha forma a mellorar a vida das persoas que viven no Courel?
Penso que xa che contestei. O sorriso ou a satisfacción dos habitantes cando uns músicos louvan un escenario natural, a festa que se monta ao redor dun menú degustación de cantarelas, o feito de que investigadores salientables falen coas xentes e lles agradezan o seu traballo para manter as paisaxes e, por ende, a biodiversidade... Iso mellora a vida porque crea conciencia de que mereceu a pena o esforzo de todo un percorrido.
Ogallá conseguísemos moitas máis cousas. Pero isto mellora a vida, claro que si.
Por que cren que as súas iniciativas teñen valor para as xentes e o lugar onde actúan?
Toda actividade que serva para dar a coñecer un territorio aos que veñen de fóra pero, sobre de todo, para dar valor ao traballo dos que viven aquí, ten un valor difícil de calcular.
Nós estamos mandándolles un sinal a todos e todas as que aquí viven de que o seu traballo valeu a pena, de que o territorio no que vivimos vale a pena, de que queremos celebralo con eles, desfrutalo con eles, que eles son os e as protagonistas. Isto crea conciencia, identidade e país.
Courel é único e nós querémosllo amosar aos que nos visitan, pero tamén aos que aquí viven.
Como viviron os incendios do ano pasado no Courel?
Os lumes da Serra do 2022 foron consecuencia directa dunha nefasta política forestal que viñamos denunciando dende hai anos dende a nosa asociación. A perda da paisaxe tradicional en favor do monocultivo de piñeiros, unida ao despoboamento e, polo tanto, ao abandono dos coidados do monte e ao quecemento global levaron á situación de case catástrofe que vivimos hai pouco máis dun ano.
Durante a extinción vivíronse momentos de pánico e de caos, como non pode ser doutro xeito nun lume destas dimensións e características. Debemos aprender deses erros; debemos pasear polas zonas ardidas e comprobar como a paisaxe tradicional aguantou moito mellor a forza devastadora que tiña o lume; debemos esixir que dende as administracións non se fomente de novo ese tipo de monocultivos, pero debemos tamén asumir que todos e cada un de nós, en certo modo, somos responsables de que isto ocorrese: porque deixámonos levar, porque non protestamos cando nos poñen 10Ha de piñeiros na porta da casa ou porque non somos quen de convencer aos veciños dos perigos que isto ten (ademais das consecuencias paisaxísticas que conleva, de perda de identidade dun territorio).
Pasou un ano. Houbo promesas que voaron. Courel resiste porque nunca morreu. O Courel dos soutos, das Devesas, dos prados de sega... Ése é o Courel auténtico, e segue vivo.
A aposta dunha administración comprometida, nos días posteriores ao lume, debería ser a de nomear a Courel, por fin, Parque Natural. Comprometerse, despois dese gran problema, dese xeito cun territorio patrimonio de tódolos galegos, tiña que ser a aposta. O resto de promesas, van quedando no aire
Participaron dalgunha actividade de recuperación das zonas queimadas?
Socios e socias colaboraron en determinadas zonas do territorio nese proceso. Ademais, algunha das actividades da asociación vai e foi encamiñada á doación de fondos que permitan avanzar nesa recuperación.
Teñen apoios institucionais?
Si, contamos co apoio excepcional ese ano da área de Medio Rural, Mar e Xuventude da Deputación para as actividades do noso 25 aniversario.
Ademais, para o CourelSon levamos contando co apoio do GDR Ribeira Sacra-Courel e da área de Cultura da Deputación dende os seus inicios. Non chega para cubrir gastos nin moito menos neste caso, pero si hai ese compromiso.