O Museo Xeolóxico de Quiroga contén unha pedra xigante con rastros fósiles de trilobites
Unha pedra con numerosos rastros fósiles de trilobites da era Paleozoica incorporouse ao Museo Xeolóxico de Quiroga tras a súa presentación na Casa da Cultura coincidindo coa Semana dos Xeoparques organizada polo Xeoparque Montañas do Courel.
A pedra, coas pegadas fosilizadas destes artrópodos mariños xa extinguidos e cun peso de cen quilos, atopouse nunha casa do Soldón da Seara, cuxos propietarios se puxeron en contacto co Museo Xeolóxico tras reparar na estraña textura que presentaba a pedra.
Tras recoñecer as marcas de pequenos surcos como pegadas fósiles do tipo coñecido como cruzianas polo director do museo, foi examinada primeiro polos xeólogos Xosé Carlos Barros e Daniel Ballesteros e despois polo paleontólogo e xeólogo Juan Carlos Gutiérrez-Marco, especialista en fósiles do Paleozoico, todos eles membros do comité científico do Xeoparque Montañas do Courel.
Ao analizar a peza, Gutiérrez-Marco concluíu que as pegadas fósiles pertencen a trilobites, uns artrópodos mariños que viviron no Floiense, unha división do período Ordovícico, que á súa vez forma parte da era Paleozoica, estimando a súa antigüidade en 476 millóns de anos. As pegadas, sinala o paleontólogo, pertencen ao tipo denominado 'cruziana rouaulti'. Ademais, esta peza coas pegadas fósiles de trilobites é a de maior tamaño e máis completa das atopadas ata o de agora en Galicia.
A Pedra
A pedra é un bloque de cuarcita con intercalacións dunha roca sedimentaria coñecida como limolita. Os animais que deixaron estas marcas, segundo o experto, terían unha lonxitude de entre oito e dez centímetros.
A roca formouse a partir da sedimentación do limo, polo que se desprazaban estes animais para buscar alimento, nunha zona costeira de augas pouco profundas no bordo do antigo continente de Gondwana.
Nela, pode verse arredor dunha vintena de pegadas duns dous centímetros de anchura, que na súa maior parte están orientadas na mesma dirección. Gutiérrez-Marco apunta a que isto se debe ao efecto das correntes de auga sobre os animais que vivían mar adentro achegándose ata esta zona da costa para rebuscar no limo as partículas que lles servían de alimento. Así, as marcas que deixaron os animais no limo cubríronse despois de area e quedaron fosilizadas.