O Museo de Quiroga acolleu aos participantes no 39º Congreso Nacional de Paleontoloxía
A deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, recibiu no Museo de Quiroga aos participantes no 39º Congreso Nacional de Paleontoloxía que reuniu na Coruña a medio millar de participantes.
Este encontro, organizado pola Sociedade Española de Paleontoloxía, rematou cunha visita a un xacemento de fósiles situado en Ribas de Sil.
“Albergar un encontro destas características posiciona a nosa provincia como un foco de interese científico na paleontoloxía”, valorou a deputada, quen destacou o impacto que pode ter no desenvolvemento económico do territorio e na divulgación científica entre a poboación local.
Lembrou ademais que a Deputación de Lugo colabora coa promoción deste territorio, achegando ao Xeoparque Montañas do Courel 25.000 euros de maneira anual.
Destacou que a institución provincial ten un compromiso co desenvolvemento sostible do noso rural, porque segundo explicou “sabemos que para que o rural teña futuro ten que contar con servizos públicos e cun sector produtivo forte e capaz de xerar emprego e riqueza”.
Nese sentido, agradeceu aos organizadores ter escollido este territorio como parte do seu programa, “a vosa presencia aquí é unha oportunidade marabillosa para intercambiar coñecementos e ideas, e para seguir avanzando na divulgación e protección do noso patrimonio paleontolóxico”.
Na clausura participaron xunto á deputada, o presidente do Xeoparque Montañas do Courel e tenente alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro; o alcalde de Quiroga, José Luis Rivera; e a alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, entre outras autoridades.