O miradoiro de Vilañán en Quiroga xa conta cun panel explicativo
Remata a construción do miradoiro de Vilañán en Quiroga coa colocación dun panel explicativo. O miradoiro, situado na serra de Vilañán, permite contemplar a totalidade do val do río Quiroga dende o seu nacemento na cara suroeste do Pía Páxaro, preto de Vilarbacú, ata a súa desembocadura no río Sil en Quiroga, tras recorrer 24 km.
Este miradoiro foi acondicionado o pasado ano polo GDR Ribeira Sacra, creando unha estrutura de madeira sobre unha rocha que xa se utilizaba para contemplar o val pola súa estratéxica situación e que os veciños da zona xa chamaban a Pena de Pensar ou Mirador de Vilañán.
Para facilitar o acceso, colocouse unha escaleira de madeira e unha varanda, que se complementaron cun banco que permite gozar comodamente das vistas e da paz e tranquilidade que se respira neste lugar.
Numerosos núcleos espallados por todo o val de Quiroga e Ribas de Sil e puntos destacados como o Pía Páxaro, o Alto do Boi ou Castro de Ares poden contemplarse dende este miradoiro. Todos estes puntos e núcleos están representados e nomeados no panel explicativo, que fai unha pequena mención ao empeño que puxeron os veciños de Vilañán para que este miradoiro se levara a cabo.
O miradoiro está situado a 7 km de Quiroga. Os primeiros 4 km de pista asfaltada son o acceso dende a vila quiroguesa a Vilañán, os tres seguintes discorren por unha pista de terra, a mesma que leva ata o despegue de parapente.
Este punto xa forma parte da rede de miradoiros do Xeoparque Mundial Montañas do Courel, que a través de 26 puntos estratéxicos repartidos por todo o seu territorio permite observar dende perfectos escaparates, a rica historia xeolóxica, a paisaxe e o patrimonio cultural que este xeoparque engloba.