O Manifesto de Soutomaior conta co apoio e participación de Quiroga
O Concello de Quiroga firmou a súa adhesión ao Manifesto de Soutomaior, declaración de mulleres autoras e editoriais galegas. Este manifesto consta de 12 decisións, das que, once delas se aprobaron por unanimidade, a número doce, que fai referencia ao voto, aprobouse por maioría.
O escrito denuncia a situación de desigualdade que se vive no mundo literario e editorial galego xa que actualmente tan só seis mulleres ocupan unha das 30 cadeiras da Real Academia Galega, mentres que na Real Academia Española, en toda a súa historia, tan só tivo representación feminina con 11 mulleres académicas.
As autoras dos distintos xéneros obteñen menos premios que os homes. Existe unha ausencia case total de mulleres críticas literarias que ocupan espazos de relevante opinión, só seis mulleres foron homenaxeadas no Día das Letras Galegas fronte aos 56 homes.
Por outra banda, son moi poucas as mulleres que ocupan o posto de dirección e liderado nas grandes editoriais galegas. Pola contra, son mulleres as que dirixen as editoriais máis pequenas, soportando a presión e as dificultades que hoxe vive o mundo editorial e recibindo escasas axudas públicas.
No manifesto denúnciase a escasa representatividade que teñen as mulleres na dirección de organismos públicos culturais e festivais. A nivel estatal as obras asinadas por mulleres no ISBN en 2020 representan o 36% fronte ao case 64% rexistradas por homes segundo un informe do Ministerio de Cultura dese mesmo ano. En xéneros como o ensaio a brecha é moito maios, 13.672 títulos publicados por autores fronte a 6.185 de autoras.
O Premio Cervantes tan só galardoou catro mulleres fronte a 38 homes e a nivel internacional o máis prestixioso dos premios literarios, o Nobel de Literatura, concedéuselle só a 15 mulleres desde a súa creación en 1901 ata o ano 2020 fronte a 100 homes.
Coa adhesión a este manifesto o Concello está a mostrar o seu apoio para igualar as oportunidades das mulleres nos procesos de creación artística e intelectual xa que neste escrito, as mulleres, solicitan unha maior implicación por parte das administracións coa creación de iniciativas que favorezan a promoción específica das mulleres na cultura combatendo a súa discriminación estrutural.
Insta as administracións á creación de políticas activas de axuda á creación e produción artística e intelectual de autoría feminina ademais, solicitan a promoción da presenza equilibrada de mulleres e de homes na oferta artística e cultural pública en o respecto e a garantía da representación equilibrada nos distintos órganos consultivos, científicos e de decisión.