O III Encontro Xeopícaros Montañas do Courel acolleu a 250 escolares de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel

RibeiraSacraXa
O III Encontro Xeopícaros Montañas do Courel acolleu a 250 escolares de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel
Encontro pícaros Xeoparque montañas do courel
2 Xuño 2023

A primeira das actividades con motivo da Semana Europea dos Xeoparques organizadas polo Xeoparque Montañas do Courel foi o III Encontro Xeopícaros Montañas do Courel na praia de Ribas de Sil, unha xornada de convivencia, no que tiveron lugar varios talleres dinámicos, promovida polos xestores deste espazo natural.

Preto de 250 escolares pertencentes a 4 centros de Infantil, Primaria e Secundaria de Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil participaron ao longo de toda a mañá nunha serie de actividades e obradoiros lúdico-educativos co obxectivo común de ensinarlle á rapazada diferentes aspectos e curiosidades sobre as Montañas do Courel.

No último dos talleres programados, baixo o título 'Estampado da natureza e a xeoloxía', que permitiu aos participantes achegarse á contorna e á riqueza xeolóxica da zona poñendo a proba a súa creatividade, deseñando a súa propia mochila mediante o emprego de tintas naturais das rochas do propio xeoparque e o estampado de plantas, participou a directora xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Xunta, Belén do Campo.

Valoración por parte da Xunta

Durante a actividade, do Campo puxo en valor o Xeoparque Montañas do Courel como un exemplo vivo da aposta pola educación ambiental e a concienciación para achegar ás novas xeracións á súa contorna natural e sensibilizalos sobre a necesidade de contribuír á súa protección e conservación.

Tras felicitar aos organizadores por apostar por iniciativas divulgativas tan acertadas como esta, do Campo subliñou a recente declaración por parte da Unesco do Xeoparque Mundial Cabo Ortegal, que se converte así no segundo de Galicia e con cuxos xestores dixo que agarda manter a mesma liña de colaboración para impulsar proxectos e accións que contribúan a poñer en valor este tipo de enclaves xeolóxicos da Comunidade.

No encontro, que finalizou cun concerto de música moderna no anfiteatro da praia fluvial, tamén participou o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, que se achegou ata Ribas de Sil para acompañar aos rapaces participantes no primeiro taller da xornada, cuxo obxectivo foi coñecer as rochas do xeoparque. Así mesmo, asistiron a alcaldesa de Folgoso do Courel, o alcalde de Ribas de Sil, un concelleiro de Quiroga e o presidente do GDR Ribeira Sacra-Courel, entre outras autoridades.

0.20053601264954