O IES Río Cabe de Monforte, premio ao traballo de maior labor divulgativo no I Concurso Parque Vibras

RibeiraSacraXa
O equipo do centro monfortino fíxose con este premio grazas ao seu traballo ‘Lume Verde’
premios-parques-vibras
Premios Parques Vibras
24 May 2025

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, destacou este venres a importancia de involucrar á mocidade galega no coñecemento e protección do rico patrimonio natural de Galicia e a difundir os seus valores co fin de xerar unha conciencia colectiva sobre a súa preservación. Fíxoo durante a súa participación xunto á conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, na entrega de premios do I Concurso Parque Vibras, lanzado pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural para dar a coñecer os seis parques naturais cos que conta a comunidade entre o alumnado de Secundaria.

A responsable autonómica puxo en valor o éxito desta convocatoria -dirixida a alumnos de 3º e 4º de ESO- pois contou coa participación de 36 equipos de 23 centros educativos que suman un total de 500 alumnas e alumnos. Ademais, salientou a calidade dos traballos presentados -tiñan que ser vídeos en galego de menos de tres minutos en TikTok, Instagram ou YouTube- pois respondían ás tres cuestións establecidas nas bases: o que significa un parque natural para os participantes -o alumnado podía enviar as propostas de maneira individual ou en grupo-, destacar o mellor parque natural da comunidade xustificando por que e como se pode axudar á súa conservación.

Neste sentido, agradeceu a contribución destes traballos a difundir a importancia ambiental, cultural e social destes espazos naturais -os vídeos participantes superaron as 166.000 visualizacións en redes sociais- así como a concienciar sobre a transcendencia de conservalos para o seu desfrute polas xeracións futuras.

A conselleira lembrou ademais que o premio concedido aos tres equipos gañadores lles permitirá afondar no coñecemento do patrimonio natural de Galicia pois consiste nunha excursión para toda a clase ao parque natural de Galicia que elixan -incluíndo os gastos de desprazamento e actividades- así como o correspondente diploma conmemorativo. Polo tanto, poderán escoller entre o Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, Fragas do Eume, Baixa Limia-Serra do Xurés, Invernadeiro, Serra da Enciña da Lastra e Monte Aloia.

Ángeles Vázquez subliñou tamén que se trata dun día ideal para a entrega destes recoñecementos aos escolares participantes pois é a xornada previa á celebración do Día europeo dos parques naturais, que se celebra cada 24 de maio desde 1999. A edición deste ano, baixo o lema Xuntos coa natureza, pretende facer reflexionar sobre como se pode mellorar a saúde das áreas naturais protexidas pensando en que van máis aló dos límites que teñen postos nos mapas, pois o que ocorre na súa contorna tamén inflúe no seu estado e na conservación dos seus ecosistemas.

PREMIOS

O premio ao vídeo máis creativo foi para o equipo Carambolas, do CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños, que participou cun vídeo en YouTube no que interpreta unha regueifa para explicar a riqueza do Parque Natural complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán e dar consellos sobre como conservar os seus valores naturais. Ademais, o contido é dinámico e fomenta a interacción ao acompañar as imaxes do parque coa letra da canción e breves mensaxes sobre a diversidade da contorna deste espazo protexido.

O recoñecemento ao traballo de maior valor divulgativo correspondeu ao equipo Lume Verde do IES Río Cabe de Monforte de Lemos, que tamén fixo un vídeo para YouTube e sobre este parque natural do concello de Ribeira no que explica de forma clara e esquemática o patrimonio natural que agocha e o que se pode facer para protexelo.

O galardón como vídeo máis viral foi para o grupo Vilanchos, do IES de Breamo (Pontedeume), que participou a través de Instagram e contabilizou o maior número de visualizacións (máis de 63.000) e interaccións (arredor de 2.000 likes) durante o concurso, moi por enriba do resto de traballos. Empregando imaxes gravadas nos parques naturais e cunha narración pausada e poética, as alumnas e alumnos deste instituto logran transmitir a beleza que agochan os parques naturais de Galicia e especialmente o máis próximo a eles, o Parque Natural Fragas do Eume. Uns espazos, remarcan, cuns valores paisaxísticos e medioambientais nos que é todo un privilexio poder vivir e desfrutar deles.

⚙ Configurar cookies
0.16727185249329