O IES A Pinguela cumpriu 40 anos e o seu director, Enrique Sampil, fai un repaso da súa historia
O pasado 1 de outubro o IES A Pinguela de Monforte cumpriu 40 anos desde que se inaugurou este instituto no ano 1983, e que actualmente conta cun distintivo de calidade de centros docentes ‘Sello Vida Saludable’ do Ministerio de Educación.
Por iso, falamos con Enrique Sampil, director do instituto IES A Pinguela desde 2000, pero que leva no instituto como profesor desde o primeiro ano que se instaurou.
Este instituto nace como o único de Monforte de Lemos de Formación Profesional. Daquela, contaba con arredor de 500 alumnos, o mesmo número de alumnado que hoxe, pero coa diferenza de que cando abriu só era un centro de ensino de formación profesional e había 40 alumnos por aula nos dous ciclos formativos que se ofrecían, perruquería e estética e administración.
Agora, ademais de ciclos formativos, ofrece a ensinanza obrigatoria (ESO) e o Bacharelato. “Actualmente temos tres ciclos formativos, temos clases en toda a ESO e seis aulas de bacharelato, contando con que os ratios agora son de 25 alumnos por aula, o que dá un total de 500 e pico alumnos”.
No IES A Pinguela participan de moitos e diversos proxectos educativos cada ano “que dinamizan o instituto e forman ao alumnado de formas diversas para o maior aproveitamento de coñecemento destes individuos”, defende Enrique Sampil, quen comenta que actualmente teñen 12 proxectos en marcha, un Club de Ciencia e un Club de Lectura.
Por outra parte, sostén que “non perdemos o tempo nin lle facemos ascos a ningunha iniciativa das entidades”, participando de proxectos educativos da Xunta, do Ministerio de Educación e de calquera entidade que propoña actividades educativas interesantes.
“A intención é ser un centro dinámico que faga un tipo de educación diferente que poida ser referente da educación galega en Monforte”, defendeu.
Cambios nas instalacións nestes 40 anos
Por último, unha das cousas que máis cambiaron nestes 40 anos no IES A Pinguela son as instalacións, “que melloraron moitísimo”, sostén o director. Hoxe, son 5 edificios os que compoñen o centro educativo que acolle alumnado da ESO, de Bacharelato e de ciclos formativos.
En contraposición, cando se fundou no ano 1983 “só era un ximnasio”. Agora teñen un espazo maior, que acolle máis diversidade de persoas, o instituto está adaptado para persoas con necesidades de educación especiais, pero tamén atende ás persoas con diversidade funcional, co fin de ser máis accesible... E tamén cabe destacar a leira que rodea o IES, “un espazo de tres hectáreas que nos permite ter un xardín botánico moi amplo”.
Ademais, este instituto remodelado tamén conta cun planetario e con todos os materiais tecnolóxicos necesarios para desenvolver o labor docente, “que fai que mellore tamén a calidade do profesorado polo que nos deron a certificación de calidade no ano 2007, que supuxo un momento novo que nos fixo dar un salto adiante de mellora no instituto”, concluíu Enrique Sampil.