O Grupo de Teatro A Pinguela presenta na Casa da Cultura de Monforte a función ‘Asasinos a soldo’

RibeiraSacraXa
A representación, que terá lugar este venres, enmárcase no XXXII Certame Municipal de Teatro para centros de ensino de Monforte
recurso-teatro
9 May 2025

Este martes día 6 comezaron as representacións teatrais que forman parte do XXXII Certame Municipal de Teatro para centros de ensino de Monforte, convocado e organizado polo Concello de Monforte de Lemos, a través da súa Concellería de Cultura, que contará coa estrea de 7 obras correspondentes ós Centros educativos da cidade que participan neste certame.

A primeira función que inaugurou o certame correspondeu ó CEIP de Monforte coa obra Ser diferente , unha adaptación feita para o grupo a partir do texto “O merlo branco” de C. Pazó, coordinada e dirixida por Paki Abeledo que pretende transmitir a importancia de por en valor a cada quen, respectando as peculiaridades que temos cada un de nos, a través da historia de dous merliños que nacen de cor branco e sofren o rexeitamento dos demais por ser diferentes ó resto.

O xoves foi a quenda de ‘Matilda’, na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, interpretada nesta ocasión polo CPR Ferroviario.

Este venres, 9 de maio, tócalle ao Grupo de Teatro A Pinguela que presenta ‘Asasinos a soldo’, unha adaptación do relato de Fernando Tato e do Conto de José Ordóñez, que nos presenta a historia duns asesinos e asasinas a soldo que desenvolven o seu traballo co rigor preciso para que todo resulte tal e como o cliente desexa.

O resto das obras representaranse os días 12,13,19,e 20 de maio representadas polos centros educativos CEIP A Gándara, IES Río Cabe, ANPA do CEIP A Gándara, Colexio PP Escolapios.

A colaboración do Concello de Monforte co Certame, duplícase nesta edición con respecto ós anos anteriores, para incentivar ós centros a que participen.

O Concello colaborará cos centros educativos participantes, aportando material para a realización da obra por unha cantidade máxima de 200 euros por centro ou asociación, o dobre de aportación que en edicións anteriores, coa intención de incentivar ós centros a que continúen participando neste certame, que supón a posibilidade de ofertar unha actividade complementaria ás habituais dos currículos educativos, altamente valorada pedagoxicamente, polos profesionais do ensino.

Os premios consistirán na gravación das obras representadas, que serán entregadas ós centros participantes nun lapis de memoria, así como dun diploma acreditativo para cada un dos participantes.

A entrega de premios será no Salón de Actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro o 26 de maio de 2025 ás 18.00 horas.

⚙ Configurar cookies
0.15354084968567