O Foro Rural Sustentable regresa a Os Casares do 25 ao 27 de abril

O Foro Rural Sustentable volverá reunir aos axentes do cambio do medio rural os días 25, 26 e 27 de abril en Os Casares, unha antiga granxa de vacas entre carballos, recuperada para o encontro de ideas na aldea de San Cristovo de Mouricios, en Chantada. Celebrará a súa terceira edición con tres xornadas de traballo que procuran propostas para a transformación do rural nun medio máis próspero.
O Foro Rural Sustentable está organizado pola Fundación Galicia Sustentable e trátase dun espazo de conversa e debate entre diferentes axentes locais que habitan e traballan no rural —pequenas empresas ou produtores, así como promotores de diversos proxectos—. Durante tres días de traballo e diálogo xeraranse propostas que se trasladarán ás autoridades gobernamentais, lexisladores e outros axentes relevantes da sociedade, co obxectivo de promover os cambios normativos necesarios para transformar o rural nun medio máis próspero e sostible. O obxectivo é que sexan as propias persoas que forman parte do rural as que tomen o control das narrativas que se tecen arredor del, dos seus retos e necesidades. “O rural non necesita que o salven, necesita que o escoiten. Este foro serve para poñer o foco no que xa está funcionando e nas persoas que o fan posible”, explica Marcos Pérez, director da Fundación Galicia Sustentable.
Participantes de prestixio
Unha coidada selección de expertos e destacados relatores participarán na terceira edición do Foro Rural Sustentable. O sábado 26 de abril será o día máis intenso e enriquecedor do evento. Os asistentes, que accederán exclusivamente por invitación, mergullaranse nun día completo de conversas, debates, mesas redondas, coloquios e grupos de traballo cun obxectivo claro: pasar da reflexión á acción. As xornadas do venres 25 e do domingo 27 están pensadas para crear un espazo de convivencia entre asistentes e relatores, que compartirán en distintos grupos de traballo as súas impresións co obxectivo de abrir liñas de acción que se levarán a cabo ao longo do ano.
A xornada do sábado será conducida por Manuel Campo Vidal, profundo coñecedor do medio rural en España, e comezará coas voces de Antía Vázquez, Lucía Casal e Beatriz Varela, tres mulleres novas que lideran proxectos con forte arraigamento territorial e que reflexionarán sobre o relevo xeracional no rural dende as súas propias traxectorias.
A continuación, terá lugar un diálogo interdisciplinar sobre como preservar a identidade e autenticidade dos territorios sen frear o progreso, coas achegas de David Soto (Universidade de Vigo) dende a economía e Manuel Borobio (exdirector do IET) dende a ordenación do territorio.
O foco desprazarase logo cara ao papel da innovación e do investimento con impacto no futuro do rural, nunha mesa con Roberto del Navío (Onetec), Fernando Giménez (Gradiant) e Laura Fernández, consultora en proxectos transformadores.
Manuel Mostaza, director de Asuntos Públicos de Atrevia, abrirá unha reflexión estratéxica sobre o papel esencial do sector primario na estabilidade, a soberanía e o futuro dos territorios.
Máis tarde, Ricardo Fernández (CIFP Carlos Oroza), Sergio Quiroga (Ecocelta) e Paula Patiño (A Castrexa) ofrecerán unha mirada integral á soberanía alimentaria, entendida como motor de saúde, identidade e desenvolvemento rural, dende o coidado do solo ata a transformación con valor engadido.
Antes de rematar, haberá espazo para explorar claves dunha comunicación que crea comunidade, cos casos inspiradores de Ana Domínguez (@nuskachousa) e Sandra Martínez (@nosa_granxa), que amosarán como comunicar con proximidade e autenticidade pode activar o territorio e fortalecer o vínculo social.
A xornada concluirá cos grupos de traballo, onde as persoas asistentes reflexionarán colectivamente para construír un borrador de boas prácticas para comunicar o rural.
Un espazo singular de inmersión no medio rural
A localización seleccionada xoga un papel importante no sentido do evento. Así, as sesións de traballo do venres terán lugar na Casa Grande de Os Casares, destinadas a promover o encontro e o coñecemento dende a proximidade e a relación directa coas persoas e co territorio, a través da inmersión no medio rural. O sábado, o plenario terá lugar no Espazo Vilaseco, unha antiga granxa gandeira transformada nun espazo aberto á arte contemporánea no rural de Galicia.
Sobre o Foro Rural Sustentable
O Foro Rural Sustentable é un evento da Fundación Galicia Sustentable, impulsado pola Corporación Hijos de Rivera, ABANCA e GADIS, co obxectivo de favorecer o encontro de ideas e propostas que proveñen directamente de iniciativas que están a contribuír á sostibilidade do rural.
Trátase dun evento de carácter anual que reúne a expertos, profesionais, investigadores, empresarios e representantes da sociedade civil para debater e promover a sostibilidade do rural.