O Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte vén cargado de actividades

RibeiraSacraXa
O Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte vén cargado de actividades durante esta fin de semana de xullo
Festival do Viño Ribeira Sacra Monforte
1 Xul 2023

A quinta edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, que comezou onte pola noite e prolongarase ata o domingo, quedou inaugurada no paseo do Malecón da cidade. No acto, o alcalde, José Tomé, estivo acompañado por unha ampla representación institucional, ademais do pregoeiro desta edición, o técnico agrícola e biólogo José Mouriño Cuba.

O Festival do Viño da Ribeira Sacra é unha iniciativa do Concello de Monforte que botou a andar en 2017 en colaboración coa Denominación de Orixe da Ribeira Sacra, e que naceu debido a que o viño foi o elemento central do desenvolvemento e do crecemento exponencial que tivo a Ribeira Sacra nos últimos 25 ou 30 anos en todos os aspectos, cultural, paisaxístico, gastronómico, artesán, turístico e no sector vitivinícola.

Poñer en valor o sector do viño

“Promocionar os nosos viños é o mesmo que promocionar a Ribeira Sacra no seu conxunto”, explica desde o equipo de Goberno, que para levar a cabo esta promoción ideou unha proposta diferente cun amplo e completo programa de actividades que xiran en torno ao viño, o auténtico protagonista do Festival.

“O traballo feito polo sector do viño nas últimas tres décadas, merece este esforzo, e danos argumentos para sentirnos orgullosos do que temos alcanzado”, destacou o alcalde.

“Esta mostra de viño do conxunto da Ribeira Sacra”, salientou o alcalde, “formada por adegas que representan ás distintas subzonas, reforza a imaxe do sector vitícola e dun destino turístico que está de moda e que xira, entre outras cousas, entorno á cultura do viño. Por iso, temos a obriga de saber aproveitar este momento tan favorable, unha oportunidade única para posicionarnos nos circuítos turísticos nacionais e internacionais, ademais a través dun produto tan prestixioso como é o viño gañando novos mercados”.

Un dos aspectos máis destacados desta quinta edición é o incremento no número de adegas participantes, que aumentou en tres con respecto á edición de 2022, participando neste ano 30 adegas, que supoñen o número máis alto de participación nas 5 edicións que se levan celebrado do Festival do Viño. "Todas estas adegas ofrecerán ó visitante a posibilidade de degustar e gozar dunha ampla variedade de viños que non deixarán indiferente a ninguén, nunha contorna natural, tranquila e confortable á beira do Río Cabe", explican desde o goberno local.

Neste senso, o alcalde agradeceu aos adegueiros e adegueiras “o seu compromiso, esforzo e pola colaboración, porque gracias á vosa xenerosidade imos poder disfrutar dun evento que proxecta a calidade e a excelencia dos nosos viños nun mercado moi amplo e que fai de reclamo para a comarca de Lemos e para a Ribeira Sacra, como a min me gusta dicir, un pedazo de Paraíso no interior de Galicia”.

Inauguración do evento

A inauguración oficial e visita aos stands das distintas adegas que conforman esta 5ª edición do Festival do Viño, o Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, estivo acompañado, entre outras autoridades, polo Senador, César Mogo, a Deputada no Parlamento de Galicia, Patricia Otero, dos Deputados provinciais Pilar García Porto, Pablo Rivera, Carlos López, Iván Castro e José Luís Raposo, do presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, da Xefa Provincial de Turismo en Lugo da Xunta de Galicia, Paloma Vázquez, da Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, de alcaldes e alcaldesas tanto da provincia de Lugo (Taboada, Ferreira de Pantón, Bóveda, Sober, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao e Chantada) como da de Ourense (Parada de Sil e Castro Caldelas), de concelleiras e concelleiros da Corporación Municipal, do Presidente da Asociación de Empresarios de Hostalería de Lugo, Cheché Real, do presidente (Antonio Lombardía) e de diversos vocais do Consello Regulado da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, forzas e corpos de seguridade do Estado, do ex-presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, así como adegueiras e adegueiros e outras moitas personalidades da cidade do Cabe e da comarca.

José Mouriño Cuba, pola súa parte, tomou a palabra como pregoeiro oficial e persoa que fomentou modernización da agricultura e da gandería de Galicia, e un dos principais impulsores na creación da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, e Tomé defendeu que "a súa implicación e interese pola nosa zona e os nosos viños queda fóra de toda dúbida”. “Por todo isto, estamos moi satisfeitos de que aceptara ser o pregoeiro do Festival do Viño deste ano”, concluíu José Tomé.

José Tomé animou a todos os monfortinos e visitantes a participar nel ata o domingo porque “este é un evento para desfrutar o viño" e “creo que seguirá sendo un evento de referencia no sur da provincia de Lugo, un evento destinado a público de todas as idades, onde quen nos visite poderá descubrir e sentir Monforte e a Ribeira Sacra a través da súa paisaxe, gastronomía e tradición e por suposto, do viño”.

Programa do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte 2023

  • SÁBADO 1 DE XULLO

11:00h. Apertura dos stands.

11:30h. Taller de cata. Variedades nobres.

12:30h. Obradoiro infantil. Contacontos Anxo Moure.

13:30h. Taller de cata. Variedades ancestrais recuperadas.

15:00h. Peche dos stands.

19:00h. Apertura dos stands.

19:30h. Obradoiro infantil. Olería Tradicional da Ribeira Sacra - Figulus.

21:00h. Actuación da banda Diboa.

23:00h. Actuación de Xisco Feijoó.

00:00h. Peche dos stands.

  • DOMINGO 2 DE XULLO

11:00h. Apertura dos stands.

12:30h. Masterclass de Viños da Ribeira Sacra vs Viños Internacionais con Alejandro Paadín.

12:30h. Obradoiro infantil circense. Circonove.

15:00h. Peche dos stands.

19:00h. Apertura dos stands.

19:30h. Obradoiro infantil showcooking. Velaísca Animación.

21:00h. Actuación de Fillas de Cassandra.

22:30h. Clausura do “Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte 2023”.

0.10913991928101