O Festival As Cores do Outono regresará o 27 de setembro á Pobra do Brollón

O próximo sábado 27 de setembro celebrarase en A Pobra do Brollón a undécima edición do festival As Cores do Outono, organizado polo Concello coa colaboración da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O Concello vén de presentar o cartel do evento, nun acto que contou coa presenza do alcalde Xosé Lois Maceda, a concelleira de Cultura Marián Martínez e a deputada Iria Castro. O festival consolídase como unha cita de referencia para o folk na comarca sur de Lugo.
Nesta edición, o público poderá desfrutar de tres propostas musicais que combinan tradición e innovación: Carmela Lideira e Xabier Díaz & Adufeiras do Salitre. Xabier Díaz, con máis de trinta anos na escena galega, ofrecerá un concerto moi dinámico xunto coas Adufeiras do Salitre, que promete facer bailar ao público.
Carmela, integrada por Carme López (voz e percusión), Camille Hedouin (electrónica e voces) e Sara Méndez (saxofón), aposta pola recuperación da tradición oral feminina mesturándoa con sons contemporáneos. Lideira, con Lois Prado, Gabi Reboredo e Sara Méndez, combina voces, percusión e ventos nunha proposta innovadora e moi bailable.
Os concertos arrancarán ás 21:00 horas e, ademais da música, a área recreativa de Samugueiros ofrecerá postos de comida, bebida e artesanía. Antes das actuacións, terá lugar un obradoiro de baile tradicional dirixido por Gabi Reboredo. O Concello informará proximamente dos detalles para inscribirse a través da súa web e redes sociais.