O Fancine de Lemos acollerá diferentes proxeccións cinematográficas ata o domingo
A novena edición do Fancine de Lemos, Festival de Cine Fantástico de Monforte, foi inagurado pola concelleira de Cultura de Monforte, Marina Doutón, na Casa da Cultura, que se celebrará na cidade do Cabe ata o vindeiro domingo día 9.
No acto inaugural, a titular de Cultura estivo acompañado polo director deste Festival, o monfortino Iván Patiño, así como pola primeira tenente de alcalde, Gloria Prada. Tamén estivo presente Marian Salgado, actriz de dobraxe, que foi quen puxo a voz á nena do Exorcista na versión da película en español, e que recibiu o premio de honra do Fancine 2023.
Marina Doutón resaltou na súa intervención a consolidación desta mostra, “grazas á cal contribuímos a achegar a cultura ós veciños de Monforte; pero tamén á xente que decide visitarnos durante o verán. E é que a realización deste evento contribúe a traer visitantes á nosa cidade”.
Pola súa parte, a conselleira de cultura dixo que "o Festival segue a apostar forte pola idea de converter a Ribeira Sacra nun espazo onde o cinema e a sustentabilidade nos sitúe entre os festivais de xénero máis importante de Galicia”.
Cine ao aire libre
Un dos atractivos deste Festival é a posibilidade de ver cine ao aire libre, neste caso, no parque dos Condes. “É un xeito diferente para gozar das películas, especialmente na época de verán en que se celebra o Festival”. Un festival que se integra dentro da programación do Verán Cultural monfortino.
Marina Doutón tamén resaltou o “compromiso firme e decidido” co Festival, pois “estamos do lado de todas aquelas iniciativas que, como esta, axuden a fomentar a cultura, e que neste caso concreto, porque axuda a asociar o nome da nosa cidade asocie directamente co cine fantástico”.
Neste senso, o Concello monfortino colaborou con 5.000 euros para o desenvolvemento do Fancine, ademais de ceder espazos como a Casa da Cultura, a praza de España ou o Cuadrado do Parque dos Condes.
Novena edición do Fancine de Lemos
O Fancine celebrase ata o domingo 9 de xullo e este ano o festival está dedicado á película “O Exorcista” na conmemoración dos 50 anos da súa presentación. As actividades programadas xirarán arredor desta produción e a acción mais importante do festival é a presenza de Marian Salgado, quen é unha das mulleres fundamentais na historia do fantaterror español e que foi quen puxo a voz á nena do Exorcista na versión da película en español.
Ademais do concurso anual de curtametraxes, eixo principal do Festival, e as proxeccións de longametraxes, o certame terá un senfín de actividades dende masterclass, obradoiros ou rodaxes. Ademais, a Casa da Cultura acolle unha exposición sobre réplicas das pezas máis coñecidas do mundo de terror, baixo o título de “Objetos Malditos”, exposición que estivo presente no Festival de Sitges.
Ao Concurso de curtametraxes presentáronse este ano 280 participantes, que son 80 máis que en 2022. Desas 280 curtas seleccionáronse 23 por un xurado composto pola Concelleira de Cultura, Marian Salgado e Aida Cordero da que sairán catro gañadores con premios de 1.000 euros destinados para tal fin.
A organización do Fancine de Lemos pon en marcha unha iniciativa innovadora que se comeza este ano, dentro da formación, e que é o Concurso de Curtas curtas consistente en curtametraxes de terror e duración inferior a 30 segundos