O entorno fluvial de Montefurado será rehabilitado cunha inversión de máis dun millón de euros

RibeiraSacraXa
A CHMS e o Concello de Quiroga asinaron un acordo de colaboración polo cal se investirán 1.075.000 euros para a posta en valor deste lugar
montefurado-chms
Montefurado, imaxe da CHMS
21 May 2025

O entorno fluvial do túnel romano de Montefurado, no concello lucense de Quiroga, será obxecto dunha ambiciosa actuación de recuperación e posta en valor grazas a un convenio asinado este martes entre a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) e o Concello de Quiroga. A inversión total ascende a 1.075.000 euros, dos cales o 90 % será financiado pola CHMS e o 10 % restante polo Concello.

O presidente do organismo de cunca, José Antonio Quiroga, destacou a importancia do proxecto non só polo seu valor natural e paisaxístico, senón tamén pola súa transcendencia histórica: “Conseguirase valorizar e visibilizar este entorno de importancia xeolóxica, patrimonial e natural, respectando a súa beleza orixinal que data do século II”.

Actuacións previstas

Entre as principais intervencións previstas figura a creación dunha senda circular de 4 km polo antigo trazado do meandro do Sil, así como a construción dun miradoiro panorámico, unha pasarela sobre o río e un centro de visitantes no núcleo de Montefurado.

A actuación contempla tamén a instalación de sinalización interpretativa, carteis informativos e unha área de estacionamento. Todo iso co obxectivo de facilitar o acceso e a comprensión do valor patrimonial deste enclave, considerado un dos grandes fitos da enxeñaría romana na península ibérica.

O túnel de Montefurado foi construído no século II polos romanos como parte das súas explotacións auríferas na cunca do río Sil. A súa finalidade era desviar o cauce do río para facilitar a extracción do ouro presente nos depósitos fluviais. Excávase na Pena do Corvo mediante a técnica de torrefacción, chegando a ter unha lonxitude orixinal de 120 metros, dos cales consérvanse actualmente 52 debido ao deterioro causado polo tempo e a erosión.

“Este conxunto constitúe a verdadeira porta de entrada e saída da Ribeira Sacra, a un paso de ser recoñecida como Patrimonio da Humanidade pola súa ‘Paisaxe da Auga’, unha singularidade fundamental que este enclave representa de forma excepcional”, subliñou Quiroga.

Estudo xeolóxico

Ademais do convenio asinado co Concello, o presidente da CHMS anunciou que se formalizará un segundo acordo coas universidades da Coruña e Salamanca para analizar o estado xeolóxico do monte e do túnel, especialmente tras os derrubamentos detectados desde finais do século XX.

O alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, agradeceu ao Goberno de España e á CHMS esta actuación, que cualificou como “clave para dinamizar a zona de Quiroga e toda a Ribeira Sacra”. Nas súas palabras, “non só se recupera un monumento natural único, senón que se potencia o seu papel como atractivo turístico e educativo”.

Con este proxecto, Montefurado aspira a recuperar o seu protagonismo histórico e natural, ao tempo que se posiciona como un dos referentes patrimoniais da Ribeira Sacra, en plena carreira pola declaración como Patrimonio Mundial.

⚙ Configurar cookies
0.12457394599915