O cultivo de oliveiras centra unha charla promovida pola asociación As Cavarcas do Incio

Este sábado 24 de maio, a Casa da Cultura do Concello de Bóveda acollerá unha charla aberta organizada pola Asociación Cultural As Cavarcas, con sede no Incio, sobre o cultivo de oliveiras nos concellos da Pobra do Brollón, o Incio e Bóveda.
A iniciativa responde ao crecemento do interese veciñal por este tipo de plantacións nos últimos anos e busca ofrecer información de utilidade para quen desexe iniciarse ou mellorar nesta actividade agraria.
A sesión contará coa intervención de Rubén Gutiérrez, técnico agrario con ampla experiencia no sector da olivicultura en Galicia. Gutiérrez formouse en enxeñería agrícola na Universidade Politécnica de Madrid e leva desde 2016 traballando como asesor técnico e mestre de almazara en entidades como Aceites Abril, Ouro de Quiroga ou a través de proxectos particulares.
Actualmente, forma parte de LABRAVA, unha agrupación de profesionais do sector agrícola e forestal con sede en Galicia. Instalado en Quiroga desde hai nove anos, Gutiérrez falará das condicións idóneas para o cultivo da oliveira, das necesidades da planta e das posibilidades produtivas e comerciais desta aposta agrícola.
Desde a Asociación As Cavarcas destacan a importancia da produción agraria como ferramenta clave para o sostemento do rural, a fixación de poboación e a loita contra a crise demográfica que sofre o interior de Galicia.
A charla está aberta ao público e busca incentivar proxectos que revitalicen o territorio mediante o aproveitamento sustentable dos seus recursos.