O Concello de Sober presenta un recurso contra o Concello de Monforte ante o TSXG
O Concello de Sober decide presentar un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia fronte á resolución pola que se resolve o expediente de deslinde entre os termos municipais dos Concellos de Sober e Monforte ditada pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes con data de 8 de xullo de 2024.
O alcalde, Luis Fernández Guitián, explicou que o Goberno local considera que “temos razón” e que Monforte “invade unha parte da parroquia de Neiras onde está o polígono do Reboredo, polo que se vai interpor recurso con intención de gañar o preito”.
O rexedor compareceu ante os medios acompañado do avogado que se encargará de defender ao Concello de Sober ante o TSXG, Paulo López Porto.
O recurso vaise interpor en base a nova documentación da que dispón o Concello de Sober, documentos que o rexedor definiu como “comprometedores” para Monforte.
Os datos
O conflito polos lindes entre os dous municipios nace no ano 1927, cando se constrúe un aeródromo e se explana a zona do Reboredo. No ano 1935 os veciños de Neiras e Piñeira queren facer plantación de cereal é aí xorde a discusión sobre os límites municipais.
A día de hoxe existen os dous marcos, pero falta a liña que os unía. O Instituto Xeográfico Nacional trazou en 1935 unha liña recta cando houbo esta desavinza entre os veciños propietarios das fincas. A disesión orixínase polo límite entre eses dous marcos que existen.
Máis adiante, cando se fixo o polígono do Reboredo, Monforte elaborou un plan parcial “e situou esa zona do Reboredo que nós consideramos que colle terreos de Sober. Desde entón, fíxose a concentración parcelaria de Piñeira e o regadío Val de Lemos”, precisou o alcalde.
Ademais, a nivel particular, desapareceron total ou parcialmente fincas de 21 persoas de Sober que deberan seguir tendo.
Esta e outra documentación será a que achegue o Concello de Sober para defender que o Concello de Monforte lle usurpou terreos e poder así reclamar os seus dereitos como Concello e o dos particulares afectados.