O Concello de Monforte ofrece máis de 280 prazas nas Escolas Deportivas para este curso

RibeiraSacraXa
Haberá un total de oito actividades para elixir e o prazo de inscrición estará aberto ata o 19 de setembro
Imaxe recurso de ioga
8 Sep 2025

O Concello de Monforte abriu este luns, 8 de setembro, o prazo de inscrición para as Escolas Deportivas Municipais correspondentes ao curso 2025-2026. Este ano, o Concello oferta un total de oito actividades, dirixidas tanto a nenos e nenas de entre seis e quince anos como a adultos a partir de dezaseis anos, cun total de 283 prazas dispoñibles.

As actividades, que se desenvolverán desde outubro de 2025 ata finais de maio de 2026, inclúen disciplinas como golf, pádel, kung fu, zumba infantil, ximnasia de mantemento, tai chi, ioga e zumba para adultos. O custe por alumno ou alumna é de 92,70 euros para todo o curso, aínda que se aplicará un desconto do 50% para as familias numerosas.

As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición presentando a documentación requerida no Rexistro Municipal ou a través da sede electrónica do Concello ata o 19 de setembro. Desde o Concello lembran que cada persoa poderá apuntarse a unha soa actividade, aínda que no caso de quedar prazas vacantes tras o peche do prazo, os inscritos terán a posibilidade de acceder ás modalidades que aínda dispoñan de espazo. Engaden tamén que, para que as actividades se leven a cabo, será necesario que polo menos o 25% das prazas estean ocupadas.

Con estas iniciativas, o Concello busca fomentar a práctica deportiva e ofrecer á veciñanza un espazo de lecer, exercicio e desenvolvemento persoal, tanto para a infancia como para a poboación adulta.

⚙ Configurar cookies
0.16765713691711