O Concello de Monforte aproba a xustificación de preto de 80.000 euros en axudas ao tecido asociativo local

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informou da aprobación da xustificación de preto de 80.000 euros en axudas concedidas a entidades sociais, culturais, empresariais, deportivas e veciñais da cidade. En concreto, validáronse 41.523,50 euros correspondentes a subvencións outorgadas a un total de 40 entidades e asociacións do ámbito social, cultural e veciñal a través de distintas convocatorias públicas, así como 38.400 euros concedidos de maneira nominativa a agrupacións deportivas e empresariais.
A Xunta de Goberno Local, na súa sesión do pasado luns 29 de decembro de 2025, deu luz verde á documentación presentada polas entidades beneficiarias, confirmando que os gastos realizados se axustan ás finalidades para as que foron concedidas as axudas. O alcalde destacou o apoio decidido do equipo de goberno municipal ao tecido asociativo de Monforte, subliñando o esforzo que realizan estas entidades para desenvolver a súa actividade e a función esencial que desempeñan no ámbito social, cultural, deportivo e económico da cidade.
No ámbito dos servizos sociais e da inclusión, validouse a xustificación da convocatoria de axudas dirixida a asociacións e entidades sen ánimo de lucro para actuacións desenvolvidas durante 2025, cun total de catro subvencións concedidas por importe de 2.000 euros cada unha. Nun segundo bloque, aprobáronse as xustificacións de 14 subvencións destinadas a asociacións culturais, lúdicas, recreativas ou formativas, cun importe global de 12.100,01 euros para financiar actividades realizadas ao longo do exercicio.
Así mesmo, a Xunta de Goberno Local aceptou a xustificación das axudas concedidas a comisións e asociacións veciñais para a organización de festas en barrios e parroquias durante 2025. Neste caso, foron 22 as entidades beneficiarias, cun importe total de 21.423,50 euros.
Por último, tamén se validou a xustificación dos gastos correspondentes ás axudas nominativas concedidas a sete entidades, que suman un total de 38.400 euros. Entre elas atópanse a Federación Española de Voleibol, con 15.000 euros; o Club de Natación Monforte, con 600 euros; a Asociación Provincial de Empresarios da Hostalaría e Turismo de Lugo, con 3.000 euros; o Club Pesca Monforte, con 1.100 euros; o C.P. Calasancio, con 15.700 euros; a A.D. Sociedade Río Cabe, con 2.000 euros; e o Club Ciclista Torre San Vicente, con 1.000 euros.