O Concello de Manzaneda e a Xunta avanzan na loita contra os incendios forestais

RibeiraSacraXa
A conselleira María José Gómez reuniuse co alcalde Pedro Yáñez para abordar cuestións relacionadas coa prevención de lumes e as infraestruturas agrarias
manzaneda-xunta
24 Feb 2026

A Xunta de Galicia e o Concello de Manzaneda avanzan na súa cooperación en materia de prevención de incendios forestais e mellora das infraestruturas rurais. A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, mantivo este luns unha reunión en San Caetano co alcalde da localidade, Pedro Yáñez, na que analizaron diferentes asuntos de interese para o municipio vinculados ao ámbito agrario.

Durante o encontro, ambas administracións puxeron en valor o traballo conxunto no marco do convenio para a xestión da biomasa nas faixas secundarias, subscrito entre Medio Rural e Seaga e recentemente renovado.

Este acordo permite apoiar tanto ás entidades locais como aos particulares no cumprimento da normativa en materia de prevención de incendios. Neste contexto, lembraron que Manzaneda xa solicitou a adhesión ao novo convenio e dispón dun plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais, elaborado co apoio da Consellería e aprobado polo Concello ao abeiro deste instrumento de colaboración.

No ámbito das infraestruturas, na reunión tamén se abordaron as achegas autonómicas destinadas á mellora dos camiños rurais. Desde o ano 2020, Manzaneda recibiu máis de 260.000 euros en subvencións da Xunta para esta finalidade. Ademais, na última convocatoria resolta, correspondente ao período 2025-2026, o municipio ten asignados algo máis de 52.000 euros para continuar coa posta a punto da súa rede viaria rural.

0.061910152435303