O Concello da Pobra do Brollón acolle o primeiro Obradoiro Brindos Guímaros
O vindeiro venres, 27 de xaneiro, terá lugar no Bar Pirata da Pobra do Brollón o primeiro Obradoiro Brindos Guímaros aberto a todos os públicos a partir das 20.15 horas.
O fin desta actividade é recuperar a tradición guímara do brindo, un xénero de improvisación oral cantada, reivindicar o brindo como patrimonio guímaro e crear novos contextos para recuperar o elemento patrimonial.
Sara Marchena e Alba María, filólogas galegas e cunha grande experiencia na cultura brinda, serán as encargadas de levar a cabo esta iniciativa, na que haberá unha parte na que mostrarán como se fai e outra participativa, na que animarán aos participantes a rimar e cantar de forma orixinal, xunto con dúas convidadas, Nuria Penas e Lorena Medela, pertencentes á nova xeración de regueifeiras.
Esta actividade está marcada dentro da iniciativa que se está a desenvolver o Concello da Pobra do Brollón para poñer en valor o brindo a través de diferentes iniciativas que terán lugar ao longo do ano.
Cada mes, haberá un obradoiro nun bar diferente do municipio. Están orientados a todos os públicos e todas as idades, con ou sen experiencia na improvisación.
"Estes obradoiros forman parte dun conxunto de actividades que desenvolveremos ao longo do ano arredor do brindo e da improvisación oral", comentou o técnico de cultura, Xosé Gago. "Queremos facer comunidade recuperando e traendo á contemporaneidade este patrimonio inmaterial guímaro", explicou.
O brindo tradicionalmente asóciase ás vodas, e as súas estrofas improvisadas usábanse polo xeral para o eloxio ou a homenaxe. Nos obradoiros de brindo búscase respectar a esencia e estrutura, aínda que ampliando e variando o seu ámbito de aplicación e uso.
Así, o obxectivo final é crear un grupo de persoas que estean interesadas no brindo e que o fagan en momentos públicos.