O Centro Social de Quiroga homenaxeou a María Pena López polo seu centenario


Maruja, como é coñecida familiarmente, naceu o 7 de maio de 1925 no lugar de Parteme, parroquia de San Lourenzo do Nocedo. Desde moi nova traballou arreo nas labores do campo para sacar adiante as fillas, xa que quedou viúva moi nova. Lembra que a vida de antes era moi escrava e había que traballar moi duro para poder axudar na casa de seus pais.
Esta centenaria, nobre, doce e agarimosa, como a describen o seus coñecidos, amosa que o segredo para chegar a cumprir un século de vida está en comer e durmir ben, e sobre todo non lle facer mal a ninguén. As portas dá casa de Maruja en Parteme sempre estaban abertas para todo o mundo, xa que sempre lle gustaba moito recibir a visita de amigos e familiares. E o mesmo segue facendo na súa casa de Quiroga a onde se trasladou a vivir coa súa familia hai dezaseis anos e onde fixo moi bos amigos.
Esta semana, a dirección do Centro Social de Quiroga, lugar ao que acode diariamente a xogar as cartas, quixo homenaxeala polo seu 100 aniversario cunha gran festa a que acudiron amigos e familiares de Maruja para acompañala neste feliz día.
O Concelleiro de Servizos Sociais, Xosé Manuel Fernández, a Concelleira de Igualdade, Maite Pérez, e o Concelleiro de Xuventude, Luis Manuel Arias, fixéronlle entrega dunha placa conmemorativa e dun ramo de flores, en nome de todos os veciños e veciñas de Quiroga en recoñecemento á súa lonxevidade e o bo estado de saúde do que goza.
Nesta celebración non podía faltar as cen velas que Maruja soprou con moita facilidade e un brinde con todos os que a quixeron acompañar en tan importante celebración.
