O Centro Dramático Galego levará a Monforte o seu espectáculo ‘Manuela Rey Is In Da House’

RibeiraSacraXa
A función será o 16 de maio no Auditorio do Edificio Multiúsos de Monforte de Lemos
manuela-rey-is-in-da-house
Imaxe da función 'Manuela Rey Is In Da House'
4 May 2025

O Centro Dramático Galego levará o vindeiro 15 de maio a Monforte o seu espectáculo ‘Manuela Rey Is In Da House’, unha peza dirixida por Fran Núñez e creada conxuntamente co Teatro do Noroeste-Centro Dramático de Viana do Castelo, o Teatro Nacional D. María II de Lisboa e o Teatro Nacional São João do Porto, afondando así na estreita relación que o CND mantén coas principais estruturas da escena lusa no marco do seu traballo a prol da internacionalización do teatro galego e dos seus profesionais.

Ao igual que sucedera na vida da propia Manuela Rey, o espectáculo emprega en escena as linguas e os talentos artísticos e técnicos tanto de Galicia como de Portugal. Pola banda galega, Merce Castro, Raquel Crespo e Xosé Lois Romero, quen asina tamén a música, integran o elenco xunto aos intérpretes portugueses Neto Portela, Nuno J. Loureiro, Rafaela Sá e Teresa Vieira. Acompáñaos en escena a arqueóloga do Incipit-CSIC Paula Ballesteros, responsable á súa vez da investigación histórica. Pedro Azevedo deseñou o vestiario e a escenografía, realizada polos técnicos do Centro Dramático Galego, mentres que Nuno Meira se encargou da iluminación. O equipo complétase coas achegas de Neto Portela e Guilherme de Sousa nos apoios á creación e ao movemento, respectivamente.

A partir de textos de Almeida Garret, Eduardo Augusto Vidal, Ernesto Marecos, Manuela Rey, Paula Ballesteros, Sousa Bastos, Xaquín Núñez Sabarís e do propio elenco, o espectáculo tenta reconstruír a memoria arredor da actriz e escritora alcumada “a muller lirio”.
Rodeada de misterio, a historia da súa vida chega á actualidade a partir de fragmentos soltos e contraditorios. Unha das teorías arredor dela sostén que con seis anos foi entregada pola súa familia a unha compañía teatral itinerante coa que percorreu León, Palencia e numerosas localidades portuguesas antes de chegar a Lisboa, onde triunfou no Teatro Nacional D. María II. Ademais de brillar en escena, existen referencias de que escribiu tamén algunhas obras como a comedia A actriz ou proverbio Por este deixarás pae e mãe.

⚙ Configurar cookies
0.17186498641968