O CEIP Xoán de Requeixo deseña unha web para dar a coñecer a fauna local
O CEIP Xoán de Requeixo, de Chantada, vén de poñer en marcha una iniciativa para afondar no coñecemento da fauna dos montes da comarca. O colexio deseñou unha páxina web na que amosan vídeos dunha ducia de animais tomados por unha cámara de fototrampeo.
Deste xeito, na plataforma http://faunaefloradechant.wixsite.com/website pódense ver vídeos de lobos, xenetas, donicelas ou xabarís, entre outros, no seu hábitat natural, e dentro do propio municipio.
"É un xeito de que os nenos e nenas coñezan a fauna silvestre da zona, e están encantados. A veces diste, pero será posible que haxa aquí este animal? E si", explica a directora do centro, Aurelia Daviña.
Todos os vídeos graváronse ao longo do último ano. En cada un deles detállase o día e a hora na que foron tomados, así como a temperatura que había nese momento.
As imaxes foron cedidas por un veciño da zona, que adoitaba realizar este tipo de gravacións, e que accedeu a colaborar coa iniciativa do centro de ensino. O home instala as cámaras en distintas zonas rurais do municipio e, mediante un sensor, estas actívanse e comezan a gravar cando algún animal pasa por diante. Deste xeito puido obter pequenos vídeos dunha ducia de animais silvestres que agora resultan de gran interese para nenos e maiores.
"A páxina está tendo moitas visitas, a verdade é que resulta moi interesante para todos porque hai por exemplo algunhas especies nocturnas que non resulta doado velas así de ben", di Aurelia Daviña.
Cada ano, o colexio centra as súas actividades nunha temática determinada e este ano o claustro escolar decantouse pola flora e a fauna de Chantada e a comarca. Así, os muros interiores do colexio decoráronse con imaxes de animais e no Entroido os rapaces elaboraron os seus disfraces coa mesma temática. Pero o recente lanzamento desta páxina web é sen dúbida o proxecto estrela.
O CEIP de Chantada traballa xa na ampliación dos contidos da páxina, que prevén completar con máis información sobre os animais e mesmo con apartados relacionados coa flora local.