O Castro de San Lourenzo acollerá este verán un campo de voluntariado

A Pobra do Brollón volverá ser escenario, do 1 ao 12 de agosto de 2025, dun novo campo de voluntariado centrado na recuperación patrimonial do castro de San Lourenzo, situado na parroquia de Cereixa. O proxecto, que combina traballo arqueolóxico con dinamización cultural, permitirá ás persoas participantes implicarse activamente tanto na escavación do xacemento como na organización da tradicional Romaría de San Lourenzo, que se celebra o 10 de agosto no propio castro.
Localizado nun outeiro xunto ao río Saa, o castro de San Lourenzo é un antigo poboado fortificado vinculado á minería romana e á metalurxia do ferro, habitado entre os séculos I e II da nosa era. No medievo, o lugar acolleu unha ermida dedicada a San Lourenzo, hoxe en ruínas.
Durante o campo, o voluntariado realizará tarefas como a escavación da muralla castrexa e dunha necrópole medieval, ademais de labores de desbroce e saneamento do terreo. Todo o traballo será guiado por un equipo técnico especializado, que tamén ofrecerá formación arqueolóxica previa.
O programa inclúe actividades complementarias para fomentar a integración coa comunidade local e a posta en valor do patrimonio cultural. As persoas participantes asistirán a obradoiros de música e baile tradicional, improvisación oral (brindos), ecoloxía fluvial, ou campás na igrexa de Cereixa. Tamén están previstas excursións a lugares emblemáticos da contorna e proxeccións documentais sobre a historia local.
O aloxamento será no albergue municipal da Pobra do Brollón, nun antigo edificio escolar adaptado con liteiras, duchas e zonas comúns.
Este campo ofrece unha oportunidade única de convivir cunha pequena comunidade rural, contribuír á preservación do seu patrimonio e vivir unha experiencia transformadora nun contorno natural e culturalmente rico.