O BNG esixe no Congreso a reparación urxente do talude da estación de Santo Estevo en Pantón

RibeiraSacraXa
Denuncian que a situación na que se atopa tras as choivas destas semanas pon en risco o único camiño de acceso ás vivendas situadas na parte norte do núcleo da estación e pode derivar no derrubamento total do talude
santo-estevo-do-sil
18 Feb 2026

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de solicitar ao Goberno do Estado actuacións inmediatas para abordar o grave deterioro do talude posterior da estación de Santo Estevo, no concello de Pantón, que pon en risco o único camiño de acceso ás vivendas situadas na parte norte do núcleo da estación, na parroquia de San Xoán de Frontón.

Segundo explicou Rego, a veciñanza denunciou desprendementos de terra e caída continuada de auga no noiro que se atopa detrás da estación, sobre o que se apoia a estrada que comunica coas casas. As intensas choivas dos últimos meses agravaron a situación, provocando fendas na parte superior do muro, numerosos derrubamentos e saltos de auga que continúan erosionando a ladeira mesmo tras o colapso xa producido.

Ante esta situación, o deputado reclama ao Ministerio de Transportes e a ADIF que actúen de forma inmediata. “Estamos ante unha situación de risco evidente que pode derivar no derrubamento total do talude e, con el, na caída do único camiño de acceso ás vivendas. Non se pode agardar a que aconteza unha desgraza para intervir”, advertiu Rego.

O BNG tamén pide ao Goberno que recoñeza formalmente a gravidade dos danos provocados polo derrubamento, a escorrentía de augas e a caída de árbores no entorno da estación, así como que se retire de forma inmediata a vexetación caída e se reparen os postes do tendido eléctrico afectados para evitar novos incidentes.

Ademais, Rego solicita que ADIF acometa urxentemente a reparación e suxeición do talude, garantindo a estabilidade do muro posterior e do camiño superior, e que se impulse un estudo técnico integral que permita executar un proxecto definitivo que asegure a estabilidade da infraestrutura a longo prazo.

A portavoz municipal do BNG, Rosana Prieto, lembrou que este camiño constitúe o único acceso rodado ao núcleo de vivendas, tras a anulación dos pasos a nivel situados ao lado da estación coa instalación de valados metálicos por parte de ADIF. “A seguranza das persoas debe estar por riba de calquera escusa administrativa. O Ministerio e ADIF teñen a obriga de actuar xa”, subliñou Prieto, que engade que, se o derrubamento continúa, a veciñanza quedará completamente illada.

O BNG exixe, por tanto, unha inspección técnica inmediata da zona afectada, a clarificación das últimas actuacións de mantemento realizadas no noiro e a posta en marcha sen demora das obras necesarias para garantir a seguridade das persoas e o dereito da veciñanza a contar cun acceso seguro ás súas vivendas.

⚙ Configurar cookies
0.076442003250122