O BNG esixe a Adif que restableza o paso peonil na estación de tren de Santo Estevo de Sil

O Bloque Nacionalista Galego demanda ao Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) a garantir o paso directo na estación de tren de Santo Estevo de Sil, no concello de Pantón, despois de que as actuacións levadas a cabo pola entidade ferroviaria fechasen o paso dunha marxe a outra da vía, dificultando a mobilidade da veciñanza e impedindo o acceso aos viñedos e leiras. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra novas iniciativas para reclamar a apertura dun diálogo coa veciñanza e demandar que se estude, de non ser posible o mantemento do paso a nivel, a habilitación dun paso elevado ou soterrado que garanta a conectividade e evite o illamento da poboación.
As actuacións de ADIF na estación de Santo Estevo de Sil incluíronse no marco das obras de electrificación da liña Monforte-Ourense mais implicaron tamén o levantamento de balados metálicos en ambas marxes da vía, impedindo o paso histórico que permitía o acceso ás leiras e viñedos situados na beira do río Cabe. Isto afecta gravemente á veciñanza, que se ve privada de servizos básicos como a recollida de lixo, ademais de impedir o mantemento dos socalcos de viñedo, que forman parte da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade.
O BNG exixe aclarar se ADIF comunicou á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia estas actuacións, tendo en conta que o espazo no que se sitúa a estación está declarado Ben de Interese Cultural (BIC) e conta coa catalogación de núcleo. A organización nacionalista demanda saber se a Xunta autorizou estas obras e cal foi a súa resposta en relación á execución das mesmas.
Ademais, o BNG considera fundamental que ADIF rectifique a súa decisión e habilite un paso directo para permitir o acceso á veciñanza, ben mediante unha cancela en cada lado da vía ou, no seu defecto, mediante un paso elevado ou soterrado que garanta a continuidade da mobilidade. “O que ADIF está a facer en Santo Estevo de Sil non só implica un agravio para a veciñanza, senón que tamén atenta contra mantemento da riqueza cultural e paisaxística da Ribeira Sacra, un espazo que conta coa máxima protección patrimonial e que forma parte da candidatura a Patrimonio da Humanidade” denuncia Néstor Rego.
O deputado nacionalista subliña que a resposta do Goberno á iniciativa anterior do BNG resulta completamente allea á realidade. ADIF afirma que “non existía ningún paso a nivel na zona” e que a actuación realizada “non alterou o acceso ás vivendas nin aos viñedos existentes na marxe esquerda da liña”. Porén, a veciñanza afectada reitera que a nova infraestrutura impide o acceso ás súa leiras e aos viñedos milenarios, ademais de cortar a conexión cun espazo fundamental para a súa actividade económica e modo de vida.
Rosana Prieto Florines, responsábel comarcal do BNG e portavoz no Concello de Pantón, exixe que ADIF rectifique de inmediato para evitar o illamento da poboación. Neste sentido, reitera a necesidade de manter unha reunión cos veciños e veciñas afectados para negociar unha solución que garanta a mobilidade e o acceso aos seus terreos, evitando o impacto negativo que esta decisión implica para o patrimonio e para a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade.