O BNG denunciou no Congreso a situación do tren no Sur de Lugo
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denunciou o desmantelamento do servizo ferroviario que conecta as comarcas de Lugo Sul e Valdeorras co resto do País despois da resposta do Goberno do Estado a preguntas rexistradas pola formación nacionalista. Recriminou a actuación do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana por ter como prioritario a conexión con Madrid e non a mellora do servizo na mobilidade interna da Galicia e reclama o aumento de frecuencias e enlaces entre os diferentes servizos.
“Estamos vivindo un desmantelamento encuberto dos servizos ferroviarios internos na Galicia por parte do executivo estatal” alerta o deputado nacionalista que mesmo lembra a supresión dos servizos co gallo da pandemia da COVID-19- e que aínda non foron repostos na súa totalidade- e, agora, coa entrada do AVE a Galicia. O servizo ferroviario do País sufriu unha modificación dos horarios, de novo, en función da demanda externa e dificultando os desprazamentos interiores dos traballadores, estudantes e demais usuarios habituais.
Exemplo disto é o que acontece co servizo ferroviario que se presta na comarca de Lugo Sul. Máis concretamente coas frecuencias e horarios do ferrocarril con parada en San Clodio-Quiroga. A organización nacionalista rexistrou iniciativas na cámara baixa para que o executivo estatal respondese ante a eliminación dos servizos nesta estación como a supresión da conexión polas tarde coas cidade da Coruña e Santiago de Compostela.
“É inaceptábel que o Ministerio non demostre interese en mellorar servizos ferroviarios, as frecuencias e as tarifas na Galicia, para atender mellor a demanda existente e mesmo incrementala cunha oferta atraente e competitiva” explica o deputado nacionalista. Pola contra, o executivo estatal defende a supresión de liñas e conexións como a de San Clodio-Quiroga cando era “unha das poucas posibilidades de chegar a Quiroga en transporte público”.
Rego denuncia a hipocrisía do Goberno estatal que di “mellorar a mobilidade rexional” mentres que suprime liñas e frecuencias, así como aumenta o tempo de viaxe nas poucas opcións existentes que conectan A Coruña ou Santiago de Compostela- 13.30 horas e 14.00 horas respectivamente- coa estación de San Clodio-Quiroga que chega ás 17.20 horas. “Máis de catro horas de traxecto para ir até Quiroga frente as dúas horas e media que conleva o traxecto Ourense-Madrid no AVE” denuncia o deputado. “Iso por non mencionar que as persoas usuarias terán que coller dous trens: un AVANT até Ourense, co prezo tan elevado que iso supón, e un tren Media Distancia até San Clodio” critica.
Para as persoas usuarias desde Vigo, a cuestión é similar, posto que o denominado “tren Rexional Express”, ironiza o deputado do BNG, sae ás 13.55 horas da estación e chega ás 17.20 horas. “Un transporte que debería ser fomentado e promocionado como transporte colectivo, público e sostíbel mentres que se promove, con estas decisións, o uso de medios como o vehículo propio por estrada” reivindica Rego.