O BNG denuncia no Parlamento o deterioro do Mosteiro de San Salvador de Asma e reclama medidas urxentes

RibeiraSacraXa
Lembran que A Irmandade Cultural País do Faro leva anos denunciando o deterioro do mosteiro, así como o espolio do mesmo
Iago-Suárez-BNG
Iago Suárez
13 Feb 2025

O BNG levou ao Parlamento de Galicia a situación de abandono e deterioro na que se atopa o Mosteiro de San Salvador de Asma, no concello de Chantada, esixindo á Xunta de Rueda que promova unha prospección arqueolóxica e inicie unha investigación para tentar recuperar as pezas roubadas.

O deputado Iago Suárez destacou que non se trata só de conservar edificios históricos, senón tamén de “salvar a nosa identidade cultural”. O mosteiro, datado no século X, está considerado unha das maiores xoias do románico da comarca e un dos bens máis relevantes do patrimonio histórico de Galicia, contando coa categoría de Ben de Interese Cultural (BIC).

Suárez lembrou que a Irmandade Cultural País do Faro leva anos denunciando tanto o deterioro como o espolio do mosteiro, unha situación que non se puido verificar ata recentemente debido á imposibilidade de acceder á edificación. “O que alí atoparon foi descorazonador”, lamentou.

Neste punto, o deputado exhibiu varias fotografías nas que se evidenciaban os danos sufridos polo patrimonio nos últimos tempos. Entre os agravios denunciados, subliñou a substitución das escaleiras orixinais por outras de nova construción, así como a destrución completa do claustro orixinal. Ademais, indicou que varias portas foron tapiadas con cemento, eliminando no proceso dúas portadas románicas de incalculable valor, que incluían columnas, bases, cimacios, tímpano e capiteis decorados. Tamén desapareceu un tímpano cun motivo único en toda a Península Ibérica, xunto con outras pezas de gran valor artístico.

O deputado nacionalista advertiu que este caso evidencia a necesidade dunha protección efectiva para o patrimonio galego por parte das administracións competentes. “É doloroso ver o espolio sufrido por esta auténtica xoia de Chantada, da Ribeira Sacra e de toda Galicia”, manifestou, antes de preguntar: “Onde estivo a Xunta de Galicia nestes últimos 35 anos?”, especialmente cando se trata dunha edificación protexida e catalogada como BIC.

Na súa intervención, Suárez tamén cuestionou ao conselleiro de Cultura sobre como é posible que, sendo un Ben de Interese Cultural, a Xunta non garantise o cumprimento do réxime de visitas. Ademais, mostrou a súa perplexidade ante o feito de que, malia que o Goberno galego tiña coñecemento da situación do mosteiro desde 2019, en seis anos non se tomase ningunha medida para acceder ao edificio.

Por último, o deputado recordou que o Goberno de Rueda está impulsando a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, en gran parte pola alta concentración de arte románica que alberga, a maior de toda Europa. “Vanse rir de vostede os técnicos da Unesco cando vexan a situación do románico e a forma en que a Xunta o protexeu nestes últimos 35 anos?”, concluíu.

0.11088299751282