O BNG defendeu no Pleno da Deputación unha proposta para traballar a favor dun acordo nacional pola lingua

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Queren revertir a perda de falantes da última década, que o PP votou en contra
deputados-bng-deputacion
Deputados nacionalistas
29 Maio 2024

A deputada Iria Castro, responsable de Cultura no goberno provincial, sinalou ao Partido Popular como o “partido do non ao galego”, despois de que o grupo popular votase no pleno deste martes en contra dunha proposta para traballar a favor dun acordo nacional polo futuro da lingua galega, que reverta a tendencia de perda de falante que se ven dando de forma moi acusada na última década.

A deputada nacionalista destacou a contradición do Partido Popular “cun conselleiro (José López Campos) que ofrece un pacto pola lingua, mentres neste pleno votan en contra dunha proposta que formula un acordo por un futuro mellor para a lingua” e sostivo que “coa súa votación hoxe demostran que seguen a ser o partido do non á lingua, que se puxo detrás das pancartas contra o galego, que rompeu todos os consensos sobre a lingua, que incumpre a lei sobre normalización lingüística, que desoe as sentenzas do TSXG sobre o decreto do plurilingüismo, que recorta fondos para políticas de normalización ou que se opón ao uso do galego no Congreso dos Deputados”.

Iria Castro puxo en valor a capacidade e relevancia económica e social da creación musical, audiovisual e editorial en galego “a pesar das trabas que o goberno do Partido Popular na Xunta de Galiza pon á creación en galego”, poñendo como exemplo o recorte do 60% nos recursos para fomentar a dobraxe ao galego, e incidiu na necesidade de medidas que “palien a sangría de falantes, sobre todo entre as xeracións máis novas”

A proposta, aprobada no Pleno polo goberno provincial pese ao voto en contra do PP, insta á Xunta de Galiza a elaborar unha nova Lei de Normalización Lingüística, que actualice e adapte á realidade da sociedade galega actual o texto de referencia para a normalización social do galego e a elaborar un novo decreto para os usos linguísticos no ensino.

Tamén demanda recuperar os niveis de investimento en políticas lingüísticas, potenciando o investimento en contidos dixitais de calidade, en galego, dirixidos á mocidade e crear dunha rede verdadeiramente estruturada e coordinada de servizos de normalización lingüística de carácter territorial.

0.13330984115601