O BNG de Quiroga presenta a súa candidatura para as vindeiras eleccións do 28 de maio
O primeiro acto de campaña que anuncia a formación nacionalista será o 12 de maio na Casa da Cultura de Quiroga
O BNG de Quiroga presenta as persoas que forman parte da súa lista de candidatura, que encabeza Xosé Manuel Fernández como candidato á Alcaldía.
Con respecto á candidatura do 2019, seis son as caras novas que entran na lista do BNG para as municipais do 28 de maio: Anais González, Rubén Figueroa, Yolanda López, José Adrián González, Francisco Javier Carbón e Zeltia Mateo.
Din que a lista contén xente "nova, formada, traballadora e comprometida con Quiroga para afrontar un novo tempo con políticas que superen as desfeitas da dereita e o paso de Julio Álvarez polo concello".
Así, repite como aspirante a alcalde Xosé Manuel Fernández, concelleiro que foi oposición durante estes catro anos con "consistencia, perseverancia, rigor, compromiso e gran capacidade de traballo", defenden desde a agrupación política.
A nova candidatura do BNG quirogués "mantén e reforza a coherencia cos seus principios e seguirá demostrando con traballo o seu compromiso con Quiroga e a súa veciñanza", sosteñen.
O primeiro acto de campaña que anuncia a formación nacionalista será o 12 de maio na Casa da Cultura de Quiroga ás 20.30 horas, cando se presentará ao candidato á Alcaldía, ao resto da candidatura e farase avance do programa electoral. Contarán coa presenza de Ana Miranda, deputada do BNG no Parlamento Europeo onde forma parte do grupo parlamentario Alianza Libre Europea-Los Verdes, e de Carmen Aira, deputada por Lugo do BNG no Parlamento Galego.
A lista completa inclúe ao propio candidato, Xosé Manuel Fernández Montes, e a Anais González Álvarez, a Álvaro Rodríguez González, a Yolanda Montenegro López, a Rubén Figueroa López, a Manuel Álvarez Fernández, a Yolanda López López, a José Adrián González Álvarez, a Francisco Javier Carbón López, a Iria Rodríguez Macía e a María Carmen Santos Rivera.
Xosé Manuel Fernández, candidato á Alcaldía de Quiroga polo BNG
Ademais de político, Fernández é presidente da Asociación Sociocultural Boca do Monte dos Anguieiros e membro permanente da Mesa pola Normalización Lingüística representando a zona sur de Lugo.
Presentouse por primeira vez ás eleccións polo Concello de Quiroga en 2019 e este ano preséntase con "ganas e ilusión a tope", explica. "Ao ter xa un antecedente e a experiencia adquirida chego máis formado, con máis seguridade e tamén sendo máis 'coñecido e recoñecido’ en Quiroga, situación que non se daba hai catro anos", sostén.
Di que Quiroga necesita un cambio, xa que "trinta e seis anos de maioría absoluta do PP creou dinámicas de goberno autoritarias e un clientelismo que divide ao pobo. Aínda que a sociedade aceptou calada e resignada esta situación durante moitos anos, estes últimos percíbese cabreo, indignación, e sobre todo acción e perda de medo para denunciar inxustizas e desgoberno".
Así, cre que as necesidades do pobo quirogués son "recuperar a paz social e a ilusión para afrontar novos retos de futuro dende o diálogo. A partir de aquí, crear dinamismo económico, apostar con máis intensidade polo turismo, frear o despoboamento, dotar de máis servizos ao rural, rehabilitar o Albergue Municipal, mellorar a rede de abastecemento de augas municipal, mellorar a recollida do lixo e a xestión de residuos do Punto Limpo, transformar a Radio e Televisión de Quiroga…".
Propostas do BNG de Quiroga
Xosé Manuel Fernández aposta por diferentes medidas para mellorar Quiroga, como recuperar o dinamismo económico do tempo das canteiras a través da creación dunha Área de Dinamización Económica que se encargue de fomentar o emprendemento local, atraer investimentos e crear un calendario de eventos anual para dinamizar o comercio e a hostalería locais.
"Isto, de seu, xa contribuirá a fixar poboación. Para que os núcleos rurais non morran antes de tempo queremos estudar que servizos poden contribuír á súa supervivencia e incluso á súa revitalización", explica. En todo caso, di, "hai que garantir os servizos mínimos e non marxinalos en comparación co núcleo urbano".
Con respecto ao turismo, cre que "se pode traballar máis duro e da man dos axentes implicados para ‘vender mellor’ que Quiroga é un destino privilexiado como corazón do Xeoparque, vila de paso do Camiño de Inverno e formando parte da Ribeira Sacra".
Polo resto, tamén propón rehabilitar en condicións o albergue para que siga atraendo visitantes, revisar en profundidade a rede de subministro de auga municipal para evitar os continuos episodios de turbidez que sufre a veciñanza, mellorar a recollida de lixo no rural e a xestión actual do Punto Limpo con ideas como as que achegamos nun Pleno Municipal e que non se tiveron en conta, e converter a Radio e a Televisión municipal nun medio plural, imparcial e aberto á veciñanza.
Apoio ao pobo da parroquia de Parteme
Desde o BNG consideran que as reclamacións que se fan desde a Asociación de Veciños de Parteme están xustificadas porque levan anos "facendo seguimento dos seus problemas". Din que estuveron en varias ocasións na aldea, "escoitando e axudando con xestións concretas á veciñanza. Levamos temas deles ao Pleno e incluso fixemos posible que se levara algún tema dos que reivindicaban ao Parlamento Galego".
Así, "non nos colle na cabeza que o Alcalde se negue a atendelos e a contestar os seus escritos con esa contumacia", sentenzan.