O BNG de Quiroga conmemorará o 25N este sábado coa proxección do documental ‘La Violencia Invisible’
Con motivo da conmemoración do 25N, Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero, dende o BNG de Quiroga queren lembrar unha vez máis que “a violencia machista é a primeira causa de morte prematura entre as mulleres e ten que ser unha cuestión política de primeira orde”.
Nese senso, os nacionalistas esixen “unha maior responsabilidade para combatelo dende as políticas públicas, ás que compre dotar de máis recursos para garantir a seguridade das mulleres e máis educación en igualdade”.
Por iso, desde o BNG de Quiroga preparan actividades para a veciñanza de cara a sensibilizar e visibilizar sobre a violencia de xénero, creando tamén un espazo onde promover á reflexión. Nesta ocasión progran para este sábado 23 de novembro a proxección dunha curtametraxe sobre “a violencia invisible” cun coloquio ao remate da mesmam que terá lugar no salón de actos da Casa da Cultura de Quiroga ás 20.00 horas.
A actividade terá unha duración aproximada de 70-80 minutos E comezarase coa proxección da curtometraxe ‘La Violencia Invisible’ producido pola Asociación Páginas Violetas.
Na curta participan, nunha sesión de carácter experimental, seis mulleres que superaron situacións de violencia psicolóxica coa finalidade de poñer de manifesto esta realidade pouco coñecida e difícil de detectar en ocasións. Paralelamente, especialistas analizan como esta violencia é unha parte oculta do inmenso iceberg que supón a violencia de xénero, propoñendo alternativas para a súa erradicación.
O documental remata cunha cúpula simbólica conformada polas experiencias das mulleres, mostrando os piares que a sociedade e as diferentes institucións poden ofrecer como saída a esta situación.
Ao finalizar, levarase a cabo un coloquio-debate sobre a mensaxe que transmite o documental para poñer en común os diferentes tipos de violencias que sofren as nenas e mulleres, as estruturais de poder e desigualdade que perpetúan a situación, a normalización de conductas que son violencia de xénero e as deteccións ou sinais de alerta para recoñecer dita violencia. Encargarase de dinamizar e moderar o coloquio Paula Santos, educadora social e terapeuta familiar en Gabinete Socioeducativo.