O balance Lugo en Cifras aposta pola recuperación da economía

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
José Tomé Roca e o secretario xeral da CEL, Jaime López Vázquez, presentaron no Pazo de San Marcos un novo número da publicación, elaborado pola organización empresarial grazas á colaboración da institución provincial e que recolle os datos sociolaborais, demográficos e económicos máis significativos da provincia.
21 Dec 2022

José Tomé Roca e o secretario xeral da CEL, Jaime López Vázquez, presentaron no Pazo de San Marcos un novo número da publicación, elaborado pola organización empresarial grazas á colaboración da institución provincial e que recolle os datos sociolaborais, demográficos e económicos máis significativos da provincia.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López Vázquez, presentaron este martes no Pazo de San Marcos Lugo en Cifras 2022, un estudo elaborado pola organización empresarial grazas á colaboración da institución provincial e que recompila os datos sociolaborais, demográficos e económicos máis significativos da provincia e dos 67 municipios que a conforman.

Destacou Tomé Roca que esta é unha publicación “que proporciona un coñecemento que serve como punto de partida para deseñar o futuro. Para detectar e resolver problemas, e para aproveitar mellor os moitos aspectos positivos da nosa economía”. Subliñou que o Lugo en Cifras mostra “ás claras o impacto da pandemia: A provincia de Lugo perdeu unhas 1.000 empresas entre xaneiro do ano 2020 e xaneiro de 2021, pero tamén demostra a capacidade de recuperación da nosa economía”.

“O mellor exemplo desta recuperación é a balanza comercial positiva de 125M€ acadada no ano 2021. Lugo é hoxe unha provincia que exporta máis do que importa”, asegurou o mandatario provincial, que destacou que o valor dos bens colocados nos mercados estranxeiros alcanzou os 723M€, “a cifra máis alta desde o 2016”.

Na mesma liña, José Tomé sinalou que “xunto co valor económico, o dato das nosas exportacións fala ás claras da nosa capacidade para competir nos mercados e bota por terra eses lugares comúns negativos dunha Galicia interior baleira ou afastada do mundo”. O presidente puxo en valor eses datos das empresas como “o mellor respaldo para que sigamos reivindicando os investimentos que nos permitan seguir avanzando: melloras nas estradas e nas redes de ferrocarril, como as que está acometendo o Goberno do Estado, para asentar a nosa conexión cos portos do Atlántico e cos corredores europeos de mercadorías”.

Incidiu en que entres as liñas de traballo a ter en conta para o futuro da provincia hai que ter en conta que “a provincia de Lugo concentra o 50% da superficie galega dedicada á produción ecolóxica e que somos a provincia con máis produtores e operadores” polo que resulta imprescindible “seguir engadindo valor a esta liña de modernización do noso sector primario”.

O presidente afirmou tamén que o turismo “experimentou un importante repunte, proba de que o noso modelo de turismo non masificado e de calidade é o máis adecuado para a recuperación do sector”, e que a provincia de Lugo conta co 12% total das empresas de Galicia, coa taxa de paro máis baixa –o 8% fronte ao 11,6% de media na comunidade- así como outros “indicadores positivos que hai que aproveitar”.

Os retos de futuro

Entre os problemas a ter en conta, Tomé Roca puxo o foco nos incendios forestais –con máis de 13.000 hectáreas queimadas neste ano na provincia-, “que teñen un impacto social e económico moi negativo, e que deben levar a repensar o modelo contra o lume”; ou o envellecemento da poboación –o 30% dos empadroados contan con máis de 65 anos-, “unha realidade que precisa unha mellor rede de servizos públicos, de atención no fogar, de coidados médicos, de residencias e de centros de día”.

Neste sentido, o presidente puxo en valor o esforzo da Deputación de Lugo, que asume a responsabilidade que por Lei lle corresponde á comunidade autónoma, despregando “unha rede de residencias públicas de pequeno tamaño, situadas no rural, para que os maiores poidan pasar esa etapa da súa vida preto dos seus”, aínda que sinalou que a provincia, sobre todo o rural, “necesita un plan de choque para frear a grave perda de servizos públicos que leva sufrindo dende hai anos”.

Curiosamente, concluíu José Tomé, “temos empresarios e empresarias capaces de vender os nosos produtos no exterior, pero non temos un Goberno autonómico capaz de levar os servizos públicos cara ó interior, o que, sen dúbida, é fundamental para o futuro e o progreso da nosa provincia”

Radiografía

Lugo en Cifras 2022 ofrece unha radiografía puntual e exhaustiva da situación social e económica real de Lugo. Recompílan datos de diferentes fontes oficiais (de poboación, sociolaborais, de demografía empresarial, comercio exterior…), co obxectivo de converterse nunha ferramenta útil para as institucións, empresas e investigadores preocupados pola situación económica e social de Lugo.

As principais novidades con respecto ao exercicio anterior tras a análise dos datos que figuran neste estudio teñen que ver, en palabras de Jaime López, con ese repunte da actividade económica, un efecto rebote da recuperación tras a importante caída de 2020 debido á COVID-19. Destacou que hai tendencias que espera que se consoliden dentro da actividade exportadora, a volta a unha balanza comercial positiva na provincia ou o restablecemento da actividade do sector turístico. “Uns anos que tamén poden ser bos para mellorar en cuestións como a nosa aposta por Internet. Nestes momentos, entre as empresas lucenses máis pequenas soamente un 28,3% ten páxina web. As axudas á dixitalización como as contempladas a través do Kit Dixital do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia poden axudarnos neste ámbito se nos animamos a sacarlles proveito”, explicou.

Outros datos destacables do estudo é que no debuxo demográfico da provincia se segue ampliando o despoboamento e o envellecemento, onde é maior que no total de Galicia e de España. Vese así que continúa medrando a idade media dos lucenses, que pasa de 49,8 anos en 2019 a 50,35 en 2021. “O envellecemento e a perda de poboación na provincia son un deses grandes problemas que debemos analizar non soamente dende o punto de vista da oferta de servizos públicos”, sinalou Jaime López, que felicitou á Deputación pola rede de residencias posta en marcha polo organismo provincial.

Sigue medrando o peso dos fogares de parellas sen fillos, que mesmo gañan terreo aos monoparentais. En canto aos ingresos por fogar, medran os estremos e cada vez son máis as familias que dispoñen de ata 400 euros ao mes e tamén aquelas que superan os 4.000.

No ámbito económico, a provincia de Lugo achega un 12,53% do PIB de Galicia (dato neste caso a peche de 2019) e levemente superior ao dato do exercicio anterior. Servizos, seguido de industria, sector primario e construción son os sectores que máis moven na economía provincial.

No ano 2021 viuse reflectido o comezo do crecemento da inflación, que no ano 2022 alcanzou cifras que non se vían desde fai décadas. O IPC, con cifras negativas no 2020, acadou o 6,4% en decembro do 2021, sendo desde entón notablemente crecente e impulsado polo aumento de prezos de produtos enerxéticos e carburantes.

A nivel laboral, a maioría dos máis de 136.000 traballadores que exercen na provincia de Lugo dedícanse por tanto, ao sector servizos (70,95%), que a pesar do descenso relativo anotado no ano 2020, volveu á senda positiva no 2021. Séguelle a agricultura (12,99%), industria (10,42%) e construción (5,65%).

Un dos aspectos que máis evidenciou o efecto da pandemia en Lugo, segundo explica a CEL, é a caída do total de empresas con sede social da provincia, pasando das case 25.000 no ano 2020 ás 24.000 no 2021. As características destas continúan a ser as mesmas que en anos anteriores. A maioría son microempresas sen asalariados ou pemes con 1 a 9 empregados. Delas, preto do 81% ten conexión a internet, unha cifra que aumenta ata o 99,4% para as empresas de máis de 10 empregados.

Outros datos que destacan na publicación deste ano son que continúa aumentando o peso da agricultura ecolóxica na provincia, que segue sendo a que máis superficie destina a este tipo de cultivos –preto do 50% do total de Galicia-, así como o continuo descenso tanto do número de oficinas de entidades de crédito como do número e importe das hipotecas asinadas.

O estudo pode consultarse en detalle a través da páxina web: www.lugoencifras.org posta en marcha o ano pasado e que permite a descarga das dúas publicacións editadas pola CEL co apoio da Deputación de Lugo, así como as editadas a través da Fundación CEL ata 2005; a procura de ítems nas publicacións e a consulta das fontes ás que se recorre para a elaboración deste estudo.

0.1833598613739