O arquivo do Pazo da Costa de San Clodio de Ribas de Sil foi entregado ao seu propietario
O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS), mixto do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e da Xunta de Galicia, celebrou un acto formal para entregar ao propietario do Pazo da Costa de San Clodio de Ribas de Sil o arquivo da casa señorial tras meses de ordenación e estudo no marco dun contrato de apoio tecnolóxico.
O acto, que tivo lugar na sede do IEGPS, contou coas intervencións de Pablo S. Otero Piñeyro Maseda, investigador do CSIC e director do IEGPS; Eduardo Pardo de Guevara e Valdés, profesor ad honorem do CSIC no IEGPS; Pablo E. Vázquez Leal, xerente do IEGPS e da Delegación do CSIC en Galicia; Antonio Platero Comesaña, bolseiro JAE Intro ICU do CSIC no IEGPS; e Manuel Bellod e Álvarez de Lorenzana, propietario do Pazo da Costa.
O arquivo do Pazo da Costa de San Clodio de Ribas de Sil está integrado por máis de dous milleiros de documentos que abarcan desde a primeira metade do século XVI ata as primeiras décadas do século XX, estendéndose nun ámbito xeográfico do interior de Galicia, fundamentalmente dos municipios lucenses de Ribas de Sil, Quiroga, Monforte de Lemos, O Incio, Bóveda e Chantada.
“O obxectivo xeral era acreditar, o inicio da elaboración de viño na casa da Costa, cuxas orixes construtivas parecen remontar a mediados do século XVI”, explica Pablo S. Otero Piñeyro Maseda. Así, acreditouse o comezo da elaboración de viño no Pazo da Costa polo menos desde o ano 1608, sendo o seu actual propietario, Manuel Bellod e Álvarez de Lorenzana, a 14 xeración documentada da adega familiar. Por tanto, a adega é unha das máis antigas que se puido documentar ata o momento en Galicia en mans da mesma familia.
“Sospeitabamos que estabamos ante unha adega de gran antigüidade, evidenciada polas numerosas construcións e equipamentos antigos que claramente se utilizaron hai moitos anos na elaboración de viño. A nosa sorpresa foi maiúscula ao descubrir, grazas á investigación do CSIC, que se trata, ata que se probe o contrario, da adega familiar máis antiga de Galicia e unha das máis antigas de España”, di Manuel Bellod e Álvarez de Lorenzana.
O Pazo da Costa e o seu arquivo Sobre unha leira de 40 hectáreas atópase no municipio de Ribas de Sil. A actual construción, de estilo colonial e palaciego, de gran vistosidade, débese ao matrimonio formado por Manuel Batanero de Montenegro e Pastoriza Flórez de Losada e Quiroga, quen emprendeu a tarefa de renovar a antiga casa solariega cuxa existencia testemuñan os diferentes documentos presentes no arquivo do Pazo, xa no século XVI.