O alumnado do IES A Pinguela participou en Murcia nun proxecto nacional sobre diversidade medioambiental e uso da auga

Alumnos e alumnas de 3º da ESO do IES A Pinguela participaron na Rexión de Murcia na última mobilidade da Agrupación Nacional de Centros Educativos centrada no estudo da “Diversidade medioambiental e o uso da auga nas nosas comunidades autónomas”. Nesta iniciativa compartiron experiencia con estudantes do IES Leopoldo Queipo (Melilla) e do IES Valle del Segura (Blanca, Murcia).
O programa, organizado e financiado polo Ministerio de Educación, ten como obxectivo sensibilizar e formar arredor do Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 6, relativo a garantir a dispoñibilidade e a xestión sostible da auga e o saneamento, ademais de fomentar a colaboración entre alumnado e profesorado de distintos puntos do país.
Durante a semana, o estudantado visitou distintos enclaves da Rexión de Murcia, como Caravaca de la Cruz e o santuario da Virxe da Esperanza, o casco histórico da cidade de Murcia ou o estadio Enrique Roca. Tamén percorreron espazos naturais e patrimoniais como as Salinas de San Pedro, a Baía de Portmán, o Teatro Romano e o Museo Nacional de Arqueoloxía Subacuática de Cartagena, así como o xacemento de Medina Siyasa, a cova da Serreta ou a ruta das norias de Abarán. A viaxe coincidiu ademais coa floración de albaricoqueiros, melocotoeiros e amendoeiras en Cieza.
O acto de clausura celebrouse no Teatro Victoria de Blanca, presidido polo alcalde da localidade, Pablo Cano, e pola directora xeral de Recursos Humanos, Planificación Educativa e Innovación da Consellería de Educación e Formación Profesional da Rexión de Murcia, Carmen Balsas. No evento, o alumnado dos tres centros presentou os seus proxectos sobre as diferenzas hídricas e climáticas entre comunidades autónomas e o seu patrimonio cultural. A experiencia concluíu cunha xornada de convivencia no instituto anfitrión e cunha visita ao deserto de Mahoya e ás augas termais de Fortuna.