O alumnado do IES A Pinguela afonda no estudo da lingua a través dos corpus lingüísticos

RibeiraSacraXa
O alumnado de Bacharelato participou nunha charla sobre o uso da lingua impartida por Mª Eugenia Conde Noguerol, profesora da UDC
charla-linuga-a-pinguela
11 Feb 2025

Mª Eugenia Conde Noguerol, profesora de Lingua Española da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, impartiu unha conferencia dirixida ao alumnado de 1º de Bacharelato sobre "Los corpus lingüísticos: el secreto para entender el uso real de la lengua". A sesión permitiu descubrir o valor dos corpus lingüísticos como ferramenta fundamental para comprender o uso da lingua en contextos reais.

Segundo se destacou no obradoiro, os corpus lingüísticos permiten analizar grandes conxuntos de datos textuais para observar a evolución e os matices das palabras ao longo do tempo. A través do estudo de conversas cotiás, medios de comunicación e outras fontes de expresión escrita e oral, é posible coñecer con precisión como se emprega a lingua máis aló das normas gramaticais e dos dicionarios tradicionais.

A actividade proporcionou ao alumnado unha perspectiva máis práctica da lingüística, explorando como os significados varían segundo o contexto, como xorden novas expresións e cales son os patróns léxicos e gramaticais máis recorrentes na comunicación real. Para iso, Conde Noguerol empregou ferramentas dixitais da Real Academia Española, realizando unha análise detallada dalgunhas palabras e ilustrando o seu uso en diferentes situacións.

Ao remate da sesión, os participantes tiveron a oportunidade de aplicar estes recursos para explorar os termos que lles resultaban máis interesantes. Esta experiencia permitiu que adquirisen unha visión máis analítica e científica da lingua, considerándoa unha disciplina en constante evolución.

Mª Eugenia Conde Noguerol conta cunha ampla traxectoria no ámbito da lingüística. Traballou na Real Academia Española e impartiu clases de Español en Etiopía e Malaisia. A súa investigación céntrase nos corpus lingüísticos, unha ferramenta cada vez máis relevante, tanto no estudo da lingua como no desenvolvemento da intelixencia artificial.

0.17561101913452