O alumnado do CEIP de Quiroga participou nunha charla para conmemorar o Día de Rosalía

O Concello de Quiroga conmemorou este luns o Día de Rosalía cunha charla divulgativa dedicada á figura, á obra e ao pensamento da escritora galega. A actividade estivo dirixida principalmente ao alumnado de 5º e 6º de Primaria do CEIP de Quiroga e foi impartida pola escritora local e filla adoptiva do municipio, Celia Díaz Núñez. Ao acto asistiron o alcalde José Luis Rivera, a concelleira de Educación e Infancia, Maite Pérez, e o concelleiro de Dinamización Lingüística, Xosé Manuel Montes.
O evento foi organizado polas concellerías de Educación, Infancia e Igualdade e de Dinamización Lingüística, en colaboración co CEIP de Quiroga e cos seus Equipos de Dinamización da Lingua Galega.
Rosalía de Castro é considerada a autora máis representativa da lingua e da literatura galegas. A publicación da súa obra Cantares Gallegos marcou o inicio da recuperación do uso escrito do galego tras séculos de marxinación. Desde entón, foi homenaxeada como a gran poeta que reflicte a identidade de Galicia, defendendo a lingua propia, a igualdade de xénero e unha sociedade máis xusta e libre.