O alcalde de Pantón fai balance do ano 2021

RibeiraSacraXa
El alcalde de Pantón hace balance de las actuaciones en el concello en este año 2021. Uno de los añoscon mayor inversión y obras.
concello panton
9 Xan 2022

O ano 2021 foi un dos anos de máis investimentos e obras no concello de Pantón, pero as circunstancias da pandemia non permitiron executar todos os traballos polo que se completarán neste 2022.

José Luís Álvarez afirma que “as principais liñas de actuación centráronse en mellorar os servizos do rural, así executáronse as estradas do Pontón, Acedre, O Cotillón, Outeiro, Míllara, Ferreira, Vilar de Ortelle, Vilar de Cangas, a estrada a Ribas de Miño e melloras nas estradas de Tuiriz. Algunha destas obras aínda se completarán próximamente”, sinala o alcalde, lembrando que tamén se amañaron os núcleos de Acedre, San Román de Acedre, O Curro, Santa Mariña, A Capa e Souto en Pantón.

Neste ano que vén de rematar o concello fixo a traída de augas de Tribás e mellorouse o abastecemento na capitalidade municipal. Fíxose a primeira e segunda fase dos colectores en Vilamelle (neste ano executarase a terceira fase) e estase acometendo a primeira fase en Moreda. Colocáronse tamén contadores de telemedida para o control de augas. O alcalde asegura que “o meu obxectivo é seguir facendo desaugadoiros e levar auga potable a todo o municipio antes de completar o mandato.”

Desenvolveuse un importante esforzo en mellorar e poñer en valor as fontes do concello, como a fonte do Piñeiro, por onde pasa o Camiño de Inverno, a de Briallos, Acedre ou a de Moreda.

Un dos principais investimentos é o que se adica á renovación do alumeado exterior na maior parte do concello, coa implantación de sistemas led para o aforro enerxético. Case 600.000 euros adícanse a estas melloras. “En temas de alumeado fíxose tamén a segunda fase do alumeado das Bernardas e fíxose o albergue deste convento, do que tamén estase executando o paseo peatonal”, apunta José Luis Álvarez.

No 2021 mellorouse o campo de fútbol do Baliño e fíxose un campo de fútbol artificial para o adestramento. Estase acometendo a reforma do pavillón de deportes e este ano farase o acceso á piscina. Reformouse o mesón dos Castros e fíxose o novo parque infantil da feira. Habilitáronse novos parques biosaudables en Galegos, Goián, Espasantes e Turiz e fixéronse melloras incorporando novas máquinas ao resto de parques biosaudables cos que conta o municipio.

Perto de 600.000 euros destina o concello de Pantón a estas obras en convenio con outras administracións, financiando ao redor do 30% destes investimentos.

SERVIZOS SOCIAIS
O Concello de Pantón fai un importante esforzo en atender as necesidades da poboación, en especial da máis envellecida e da máis nova. Durante este mes poden presentar as solicitudes de pagamento de 500 € por cada nacemento no 2021. O gardaría de Pantón atende a unha vintena de nenos/as cada ano. No CEIP Plurilingüe Monte Baliño estudan case 70 alumnas/os e para o alumnado que estuda fóra habililítanse axudas ao transporte.

A media de idade dos 2.500 habitantes que ten o concello supera os 60 anos polo que este perfil de idade require unha grande atención. O centro de día do concello presta servizo a medio cento de persoas e cóntase con 25 traballadoras/es sociais, sendo “un dos concellos da contorna que máis adica a servizos sociais”, asegura o alcalde.

CULTURA E TURISMO

Durante o 2021 o Concello de Pantón foi escollido por numerosos visitantes; nos momentos en que as circunstancias da pandemia o permitían, enchéronse as casas de Turismo Rural que se reparten polo municipio. “Estamos moi ben situados entre Monforte e Ourense. Temos un románico moi importante, un campo de golf, un balneario, a fervenza de Augacaída, moitas rutas de sendeirismo, a viticultura, os pazos e casas grandes e todo o noso patrimonio material e inmaterial,” asegura o alcalde ao falar dos recursos do concello. “O mellor que temos é a xente e servizos e lugares para vir comer e desfrutar”, conclúe.

O concello de Pantón conta na casa da cultura cos servizos de cultura e turismo unidos para ofrecer unha mellor atención. Así a oficina de turismo abre as súas portas de luns a venres de 10:00 a 21:00 e os sábados de 10:00 a 14:00.

0.10744905471802