Novos pasos para a consecución da DOP Aceite de Quiroga
O Concello de Quiroga e a Agrupación de produtores e envasadores de aceite de Quiroga seguen dando pasos para conseguir a Denominación de Orixe Protexida (DOP) Aceite de Quiroga, ao completar o expedente que se deberá remitir á Unión Europea para a aprobación da mesma.
Os trámites para a creación dunha DOP para o Aceite de Quiroga iniciáronse no ano 2019, cando a Agrupación de productores e envasadores de aceite de Quiroga presentou a solicitude para a tramitación dunha DOP co nome 'Aceite de Quiroga'. Naquel momento, o Goberno autonómico encargou unha serie de estudos para avaliar a solicitude: unha caracterización sensorial dos aceites galegos, identificando parámetros e detectando diferencias con outros aceites, e un estudo histórico sobre o aceite de Galicia, que presta atención especial á zona de Quiroga por ser a de máis tradición oliveira de Galicia.
Vistos estes estudos e a documentación presentada pola Agrupación, solicitouse un informe á Subdireción General de Calidad Diferenciada y Agricultura Ecológica do Ministerio de Agricultura, coa finalidade de que os seus técnicos avaliaran a documentación presentada. Neste departamento advertiron da necesidade de completar varias partes importantes.
Unha vez recibido este informe a Axencia Galega de Calidade Alimentaria remitiuno á Agrupación sinalando os aspectos fundamentais que deberían ser reforzados. Foi entón cando o Concello de Quiroga contactou co profesor do campus de Ourense da Universidade de Vigo, José García Queijeiro, para redactar o documento único e o prego de condicións, pola súa ampla experiencia na tramitación de DOP e IXP.
Esta documentación, para completar o expediente de xeito definitivo, entregouse a pasada semana na Axencia Galega de Calidade Alimentaria, o que supón un paso máis de cara a facer realidade a DOP Aceite de Quiroga. Deste xeito cumpriríase un dos grandes obxectivos dos colleiteiros da comarca.
O Concello xa ten rexistrado a día de hoxe o nome de 'Aceite de Quiroga' con dous fins principais, por un lado certificar as características do produto, de forma que quen queira utilizar esta marca deberá cumprir certos requisitos tanto na produción e elaboración como comercialización do aceite, e por outro, para regular e ordear as plantacións de oliveiras.