Nove concellos ourensáns poñen en marcha unha iniciativa para rehabilitar o patrimonio rural

Este martes tivo lugar en Taboadela una xuntanza para dar forma ao proxecto Re-Habilita Rural Lab, unha iniciativa de innovación para a rehabilitación do patrimonio rural destinada ao alugueiro social de mulleres.
No proxecto participan os concellos de San Xoán de Río, Porqueira, Boborás, Vilariño de Conso, Xunqueira de Espadanedo, Oímbra, Esgos, Taboadela e Coles. No encontro participaron representantes da maioría destes nove concellos implicados, así como a consultora encargada do proxecto, Eva Castro.
O ambiente, explican dende o Concello de Taboadela, foi de “total colaboración, conxugando esforzos para garantir unha xestión eficiente dos fondos recentemente concedidos polo Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico”. No encontro, sinalan, debulláronse estratexias e responsabilidades “para facer deste proxecto unha realidade que transforme o noso rural”.
Agora, os concellos e a consultora seguirán traballando na planificación e posta en marcha das seguintes fases, incluíndo a administración do financiamento, a contratación de persoal e a activación das accións programadas.
Re-Habilita Rural Lab é un ecosistema de innovación para a rehabilitación e rexeneración do patrimonio rural, pensado para garantir vivendas en alugueiro social para mulleres. A iniciativa conseguiu un financiamento de 260.941,2 euros e será, segundo expresan dende o goberno municipal de Taboadela, “un referente para o desenvolvemento sostible dos nosos pobos”.